O presidente asiste na Coruña ao acto de entrega de “Eirís”, a nova residencia para maiores financiada conxuntamente entre a Xunta de Galicia e a Fundación Amancio Ortega

Rueda enxalza a residencia impulsada pola Fundación Amancio Ortega na Coruña como exemplo de colaboración público-privada para un modelo de coidados de referencia en Galicia

Lembra que o obxectivo da Administración autonómica é a creación de 24 novas residencias con 1.800 novas prazas en concellos de menos de 50.000 habitantes

A construción do novo centro para maiores forma parte do acordo asinado en 2019 entre a Fundación Amancio Ortega e a Xunta para construír sete residencias nas principais cidades galegas

A Coruña, 14 de maio de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá no acto de entrega da nova residencia de maiores Eirís, financiada na súa construción e equipamento pola Fundación Amancio Ortega (FAO) e integrada na rede pública galega de servizos sociais, onde enxalzouna como exemplo de colaboración público-privada para un modelo de coidados de referencia en Galicia.

Durante a súa intervención, o titular do Executivo galego destacou o “emprazamento privilexiado” da residencia e agradeceu á FAO a súa colaboración coa Xunta de Galicia nos últimos anos. Con 150 prazas, o inmoble é a cuarta residencia destas características que se entrega en Galicia tras as de Santiago e Lugo, “que xa están funcionando”, e a de Pontevedra, “que comezará a funcionar ao longo do mes que vén”.

Neste sentido, Rueda subliñou que a Xunta ten o obxectivo de crear “1.800 prazas” en 24 novas residencias para maiores en concellos de menos de 50.000 habitantes, distribuídas territorialmente para responder de forma equilibrada ás necesidades comarcais. O plan, que combina eficacia e equidade, estrutúrase arredor de 12 residencias principais de 120 prazas e outras 12 de formato máis reducido, como unidades “satélite”.

O titular do Goberno galego tamén sinalou que “cada vez vivimos máis” e que é responsabilidade das administracións públicas “que vivamos mellor”. Así, Rueda salientou a importancia de atender ao elevado porcentaxe de “xente de máis de 65 anos” e contar cunha “oferta variada á altura do que merecen”, algo que na nova residencia entregada “conseguimos perfectamente”.

Ademais das novas residencias, o presidente referiuse ás estratexias aprobadas recentemente para detectar e loitar “contra dous males do noso tempo”, a soidade non desexada e o idadismo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 14/05/2025