A Xunta pon en valor o papel das agrupacións europeas de cooperación territorial na promoción da colaboración transfronteiriza
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou na inauguración do ‘Encontro AECT Ibéricas 2025’, con representantes de organismos creados nas fronteiras de España con Portugal e Francia
Destacou o traballo realizado polas tres AECT da fronteira entre Galicia e Portugal coa mobilización de 32M€ para investimentos en proxectos e lembrou que xa se asinaron os estatutos para incorporar unha nova agrupación na Raia Seca
Sinalou como demandas comúns a necesidade de aprobación dun Estatuto do Traballador Transfronteirizo e abordar o novo marco para os fondos europeos
Vigo, 3 de xuño de 2025
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, puxo en valor o traballo das Agrupacións Europeas de Cooperación Territorial (AECT) na inauguración do Encontro AECT Ibéricas 2025 entre organismos da fronteira hispano-lusa e hispano-francesa e destacou o seu papel como instrumentos claves para promover a colaboración transfronteiriza desde a súa creación hai 20 anos pola Unión Europea.
No caso da AECT da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal lembrou que se constituíu hai 15 anos e neste período consolidouse como impulsora da cooperación transfronteiriza e, ao mesmo tempo, xestora de proxectos europeos. Nesta liña, destacou programas financiados con fondos europeos de referencia como o IACOBUS de divulgación científica ou o Nortear, no ámbito cultural, así como outras iniciativas en sectores como o turismo ou o aeroespacial. Así, xa se está a traballar nos distintos proxectos para optar a financiamento do programa POCTEP.
No que se refire ás AECT da fronteira galaico-portuguesa o investimento acada os 32 millóns de euros mobilizados para distintos proxectos desde a creación tanto da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal como da AECT Rio Minho e a eurocidade Chaves-Verín. Cómpre lembrar que o mes pasado asináronse os estatutos da agrupación da Raia Seca, o que permitirá completar o mapa institucional da cooperación ao longo de toda a fronteira galaico-portuguesa.
No evento, que se celebra hoxe e mañá en Vigo, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, tamén moderou unha mesa redonda sobre a política de cohesión da UE e o papel das AECT na nova realidade europea. Sobre este tema tamén afondou o conselleiro na inauguración do encontro e sinalou que, no novo marco para o acceso aso fondos europeos marcado pola incerteza, Galicia defende manter o actual sistema de xestión descentralizada porque “son as comunidades e as AECT as que mellor coñecen as necesidades de cooperación para os seus territorios”.
Tamén se abordará neste encontro o Estatuto do traballador transfronteirizo, unha ferramenta coa que, segundo expuxo Diego Calvo, se busca “superar as trabas burocráticas e as desvantaxes de vivir a un lado da fronteira e traballar noutro”. Co novo estatuto preténdese establecer unha definición común e consensuada da figura do traballador transfronteirizo, e establecer o seu ámbito de aplicación, así como a relación laboral entre o empresario e o traballador.
Como engadiu o conselleiro, o obxectivo é que sexa unha “carta dos dereitos e deberes” dos traballadores transfronteirizos e facilitar así a circulación, o acceso á información e o exercicio dos dereitos dos traballadores que residan ou traballen nos territorios fronteirizos de Galicia e do Norte de Portugal, e por extensión, de Portugal e España.