Unha vintena de persoas participan no curso ‘Finanzas para todos’, organizado pola xunta e o Banco de España en Valga
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a primeira sesión do curso e lembrou a importancia de contar con información para protexerse das ciberestafas
Esta iniciativa, que se desenvolve a través de Rede CeMIT, busca achegar conceptos económicos de gran utilidade para a economía doméstica á poboación xeral a través da tecnoloxía
Valga (Pontevedra), 04 de xuño de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a Aula CeMIT de Valga onde arrancou unha nova edición do curso ‘Finanzas para todos’ que ofrece o Banco de España en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
Trátase dunha iniciativa que xa se levou a cabo en anos anteriores, a través da Rede CeMIT, e que resultou nun gran éxito de participación. O obxectivo é educar á cidadanía e facer algúns conceptos económicos, a priori difíciles de entender, máis accesibles para todos. Ademais, dende a Amtega faise un esforzo especial para incluír nestas sesións varios apartados relacionados coa ciberseguridade e a protección de datos.
Así, os formadores tratan de prever a todos os participantes sobre os principais tipos de ciberestafas e inculcar certos hábitos que os manteñan protexidos na súa relación coas aplicacións bancarias.
Neste sentido, o delegado territorial destacou a importancia deste tipo de iniciativas e lembrou que “hoxe, máis ca nunca, é fundamental saber planificar, aforrar, identificar riscos e protexernos fronte ao fraude ou a ciberdelincuencia”.
Este curso consta de tres sesións, sendo que os seguintes encontros terán lugar os días 11 e 18 deste mes.