O festival Meirasland incorpora este ano a música electrónica á oferta dos Concertos do Xacobeo
A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na Casa da Cultura de Valdoviño na presentación da segunda edición desta cita musical
Valdoviño (A Coruña), 5 de xuño de 2025
O festival Meirasland incorpora este ano a música electrónica á oferta dos Concertos do Xacobeo promovidos pola Xunta. A delegada territorial de Ferrol, Martina Aneiros, participou esta mañá na presentación da segunda edición desta cita que terá lugar o próximo 9 de agosto no campo da festa do Porto, en Meirás, co apoio do Goberno galego.
Aneiros incidiu que os Concertos do Xacobeo aportarán este ano unha oferta musical de primeiro nivel con este festival de Ferrolterra que, mantendo a esencial local da primeira edición, suma nesta ocasión artistas de fóra. Así, entre os primeiros nomes confirmados do evento destacan Alvama Ice, un dos referentes urbanos do momento e o DJ compostelán Kike Varela.
Na súa intervención, destacou o auxe que está a experimentar o turismo de festivais en Galicia, impulsando a chegada de turistas á comunidade motivados por gozar da ampla e completa axenda de concertos e festivais musicais que a Xunta programa directamente ou apoia, como é o caso deste Meirasland, en diversos puntos da xeografía galega. “Meirasland contribúe a ese obxectivo: atraer xente nova, ofrecer experiencias innovadoras e demostrar que en Galicia tamén se poden facer cousas diferentes, vangardistas e de calidade”, recalcou.
Ademais da vertente musical, a oferta do festival incluirá foodtrucks, zonas de descanso e actividades paralelas para todos os públicos.