Galicia colabora no reforzo das capacidades profesionais e sostibilidade do sector marítimo pesqueiro en Mozambique
O Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico, centro de referencia nacional de pesca e navegación, realizará actividades de desenvolvemento curricular, material didáctico e formación
A conselleira do Mar puxo en valor a contribución da comunidade, referente no ámbito da formación pesqueira, no desenvolvemento desta iniciativa cuxa primeira fase foi iniciada a finais do 2019
Entre os fitos alcanzados están o establecemento das condicións técnicas e tecnolóxicas para os procesos pedagóxicos de ensino na Escola de Pesca de Matola e achegar a oferta formativa aos estándares de calidade da ANEP e internacionais
Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2025
A Xunta participa nunha alianza público privada para o desenvolvemento dun programa de reforzo das capacidades profesionais do sector marítimo-pesqueiro en Mozambique. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, asinou o memorando no que colaboran a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid), o Ministerio de Mar, Augas Interiores e Pesca do país africano, o Grupo Nueva Pescanova coa súa filial no país Pescamar e a Asociación Mozambiqueña de Armadores de Pesca Industrial de Camarón (AMAPIC).
Este acordo permitirá impulsar a segunda fase do proxecto no que o Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico (ipmpa), centro de referencia nacional de pesca e navegación, realizará actividades de desenvolvemento curricular, material didáctico e formación. O obxectivo é formar persoal docente así como implementar cursos regrados e dunha duración curta. Tamén dotarase de equipamento e material necesario para levar a cabo esa formación ademais dunha espazo de colaboración permanente entre o sector pesqueiro e as entidades formativas para adecuar o contido docente ás súas necesidades.
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, puxo en valor a contribución da comunidade, referente no ámbito da formación pesqueira, aportando a súa experiencia e excelencia no desenvolvemento desta iniciativa cuxa primeira fase foi iniciada a finais do 2019. Por outra banda, subliñou que esta liña de traballo afonda na promoción dun sector pesqueiro máis competitivo e sostible nun país cunha importancia estratéxica para a cadea mar-industria galega vencelladas a especies de especial valor comercial como o lagostino. Un labor que favorece a creación de emprego e o desenvolvemento local mediante a transferencia de coñecemento e tecnoloxía.
A responsable autonómica recordou que na primeira fase, interrompida pola pandemia da Covid-19, foi posible acadar fitos como o establecemento das condicións técnicas e tecnolóxicas para os procesos pedagóxicos de ensino na Escola de Matola e achegar a oferta formativa aos estándares de calidade ANEP e internacionais como a Certificación Internacional da Organización Marítima Internacional (convenio STCW). Un traballo que situou como modelo de cooperación no ámbito pesqueiro que reforza as relacións entre ambos países.