A Xunta aposta pola formación a prol da prevención e loita contra o narcotráfico e o branqueo de capitais
O director xeral de Xustiza participou na inauguración da xornada ‘Narcotráfico, criptoactivos e branqueo de capitais’, organizada pola Xunta en colaboración coa Fundación Galega contra o Narcotráfico
A Academia Galega de Seguridade Pública acolleu o encontro dirixido a profesionais dos corpos e forzas de seguridade, da Administración de Xustiza e do Servizo de Vixilancia Aduaneira, entre outros
A Estrada (Pontevedra), 12 de xuño de 2025
O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou hoxe na inauguración da xornada Narcotráfico, criptoactivos e branqueo de capitais, onde incidiu na importancia da formación para a prevención e loita contra estes delitos. O encontro, organizado pola Xunta en colaboración coa Fundación Galega contra o Narcotráfico e que contou tamén coa presenza do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, reúne ao longo do día na Academia Galega de Seguridade Pública profesionais dos corpos e forzas de seguridade, da Administración de Xustiza e do Servizo de Vixilancia Aduaneira, entre outros.
Na súa intervención, o director xeral referiuse á importancia de abordar de xeito conxunto os procedementos e boas prácticas nos eidos do financiamento do narcotráfico e o branqueo de capitais, para “clarificar a identificación e a clasificación dos riscos operativos e legais de cara a establecer mecanismos internos de prevención, xestión, control e reacción”. “Trátase de condutas delituosas que xeran un gran dano social e que deben ser combatidas de xeito multidisciplinar”, engadiu.
Tronchoni incidiu tamén na necesidade de adaptación continua para “darlles resposta aos riscos emerxentes derivados da innovación tecnolóxica, como as moedas virtuais, e da cada vez maior globalización das organizacións delitivas, así como do seu o enxeño para aproveitar as lagoas do sistema”. Nesta liña, salientou a aposta da Xunta pola formación, “como instrumento de xestión e de adquisición de coñecementos e de habilidades que garantan bos profesionais e servizos de calidade”.
Tras a inauguración, a sesión de mañá continuou con intervencións centradas na evolución do financiamento e branqueo de capitais procedentes do narcotráfico, o concepto de blockchain e os tipos de criptoactivos e criptomoedas, así como as diferenzas entre eles. Abordáronse tamén o marco legal e as estratexias, ferramentas e técnicas de investigación. Xa pola tarde, haberá dúas mesas de debate, unha sobre casos reais resoltos polas distintas unidades policiais e outra sobre desafíos, propostas e recomendacións formuladas por representantes do ámbito xudicial, fiscal e membros das forzas e corpos de seguridade do Estado con experiencia directa na loita contra o crime organizado.
O obxectivo é achegarlles aos participantes información específica sobre as metodoloxías que usan as redes do crime organizado, en particular narcotráfico, para ocultar a branquear as ganancias a través de criptoactivos, así como as estratexias especializadas para a súa detección e intervención. A iniciativa conta tamén co apoio e a participación do tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Fiscalía Superior de Galicia, Corpo Nacional de Policía, Garda Civil e Servizo de Vixilancia Aduaneira.
Centro formativo de referencia
A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia e tamén dos servizos de emerxencias. Ademais de preparar as novas promocións de Policía Local, ofrece accións formativas e divulgativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario para garantir a seguridade dos galegos e galegas. Así, a xornada Narcotráfico, criptoactivos e branqueo de capitais enmárcase na programación formativa da academia para o primeiro semestre do ano, que suma medio milleiro de actividades, con 250 no eido da seguridade pública e outras tantas no das emerxencias.