Ángeles Vázquez e a alcaldesa de Oímbra avalían vías de colaboración para mellorar o servizo de abastecemento de auga na localidade
As partes estudan as seguintes actuacións a realizar para avanzar na execución do plan de subministración de auga elaborado para o municipio
Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, reuniuse esta mañá coa alcaldesa de Oímbra, Ana María Villarino, para avaliar a mellora do servizo de abastecemento de auga na localidade así como cuestións relacionadas co saneamento.
En concreto, analizaron o xeito de avanzar na execución e programación das actuacións previstas no plan de abastecemento autónomo elaborado para o municipio, un documento de planificación específica mediante o que se realizou un inventario e diagnóstico dos sistemas determinando a poboación abastecida e se comprobou o nivel de garantías dos distintos servizos. De feito, esta ferramenta tamén permite identificar e priorizar as actuacións de mellora necesarias na rede de abastecemento.
Nesa liña, as partes seguirán colaborando tamén na mellora dos sistemas de saneamento pois, como explicou a conselleira, a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias en materia de xestión da auga de xeito máis eficiente para que poidan prestar servizos da máxima calidade á súa veciñanza.
De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe este ano 2025 preto dun 5 %, ata os 144 millóns de euros, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación así como a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.
O obxectivo principal é facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.