A Xunta e a CEG traballan para optimizar as relacións das empresas galegas coa administración a través da simplificación administrativa e o uso das novas tecnoloxías
Este encontro enmárcase no esforzo que se está a levar a cabo na Xunta para promover a participación pública no eido da simplificación de procedementos administrativos
No encontro avaliárense as principais accións de simplificación que se están a levar a cabo relacionadas coas empresas, así, dos 65 procedementos sobre os que xa se está traballando máis dun 35 % son procedementos dirixidos a empresas
A sinatura de colaboración co Ministerio de Hacienda para potenciar a interconexión da plataforma autonómica coa Plataforma de Contratación estatal permitirá que as empresas galegas poidan presentarse a licitacións en todo o territorio nacional
Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2025
A Xunta e a Confederación de Empresarios de Galicia traballan para optimizar as relacións das empresas galegas coa administración a través da simplificación administrativa e o uso das novas tecnoloxías.
Tras unha xuntanza entre o director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio, José María Barreiro, e a xerente do IGAPE, Patricia Villajos, con representantes da Confederación de empresarios de Galicia (CEG) a Administración autonómica abre unha liña de colaboración mediante a apertura dun proceso participativo no que, ao longo de máis dun mes, as empresas poderán transmitir de primeira man as súas necesidades de simplificación á Administración Pública, co obxectivo de identificar as principais problemáticas e, ao tempo, propoñer as melloras que se consideren oportunas.
Este encontro enmárcase no esforzo que se está a levar a cabo na Xunta para promover a participación pública no eido da simplificación de procedementos administrativos, que se iniciou coa posta en marcha no mes de maio dun proceso participativo dirixido á cidadanía no Portal de Transparencia e Goberno aberto, no que se poden achegar de xeito anónimo propostas de simplificación administrativa.
No encontro avaliárense tamén as principais accións de simplificación que se están a levar a cabo relacionadas coas empresas. Non en van, dos 65 procedementos sobre os que xa se está traballando máis dun 35 % son procedementos dirixidos a empresas.
Así mesmo, destacáronse os esforzos no eido da habilitación de procedementos proactivos, como a declaración anual da colleita da uva -con 1.333 potenciais beneficiarios- ou a declaración anual do censo de animais en explotacións gandeiras –con 23.815 potenciais beneficiarios-, nos que ademais se realizaron enquisas de satisfacción entre os destinatarios, cuns resultados moi positivos: en relación á declaración anual da colleita da uva, o 98% das persoas enquisadas considerou que era unha iniciativa boa ou moi boa; e o 86% das persoas enquisadas sobre a declaración anual do censo de animais en explotacións gandeiras considerou que era unha iniciativa boa ou moi boa.
En relación á área da contratación pública, o director xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio subliñou que tal e como se anunciou en maio, en breve asinarase un convenio de colaboración co Ministerio de Hacienda, para potenciar a interconexión da plataforma autonómica coa Plataforma de Contratación estatal. Deste xeito, as empresas galegas clasificadas no Rexistro autonómico de contratistas poderán presentarse a licitacións en todo o territorio nacional.
Trátase de coordinar e unificar os dous rexistros de licitadores e empresas clasificadas admitidos en Galicia: o Rexistro xeral de contratistas, de ámbito autonómico, e o Registro Oficial de Licitadores y Empresas Clasificadas del sector público, de ámbito nacional. Con este convenio, as empresas galegas só precisarán xestionar e actualizar os seus datos nun único rexistro, o que lles permitirá acceder a licitacións de múltiples ámbitos territoriais.
Ademais, a Plataforma de contratación da Xunta permitirá, tamén, coñecer todas as licitacións que afecten ao territorio, con independencia de que o órgano de contratación sexa estatal, autonómico ou local.
Cómpre salientar que con este novo convenio se dá un paso máis de cara a transparencia e visibilización da compra pública.
Por último, José María Barreiro recordou que se está a traballar na simplificación da tramitación da inscrición no Rexistro de Contratistas Galego, co obxectivo de que as empresas que soliciten a inscrición non teñan que presentar acreditación documental de determinados requisitos, como pode ser a inscrición noutros rexistros autonómicos.
O encontro resultou satisfactorio e de utilidade para todos os asistentes. Os representantes da Confederación fixeron chegar ao director xeral unhas primeiras ideas de simplificación, e acordouse abrir unha liña de colaboración conxunta nos vindeiros meses de cara a conseguir obxectivos comúns.