A conselleira de Política Social e Igualdade participou no encontro con familias acolledoras da campaña 'Portas que abren historias'
A Xunta reivindica o acollemento familiar como medida preferente do sistema de protección da infancia en Galicia
Fabiola García destaca que o traballo do Executivo galego e as entidades sociais deste ámbito permite que a comunidade galega presente a segunda mellor cifra de acollidas do conxunto do país
Tamén lembrou que desde o mes de maio a Administración autonómica aumentou as contías mensuais para compensar o esforzo destas familias
Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reivindicou esta mañá a aposta da Xunta de Galicia polo acollemento familiar como medida preferente do seu sistema de protección da infancia. Así o sinalou esta mañá no encontro con familias de acollida que se reuniron no parque da Alameda, en Santiago de Compostela, no marco da campaña Portas que abren historias. No acto, estivo acompañada polo director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, e pola presidenta de Acougo, Carmen Dourado.
A conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que Galicia é a segunda comunidade con mellores ratios de acollemento familiar, un dato moi favorable que se consegue – dixo- grazas ao traballo e colaboración entre as entidades sociais, como Acougo que organiza este acto, e o Executivo autonómico. Con todo, sinalou que “aínda que a cifra é positiva, non é suficiente porque aínda hai nenos e nenas que precisan dun fogar no que medrar”. Polo que, avanzou que a Xunta seguirá tomando medidas para dar visibilidade e impulsar o acollemento.
Nesta liña, Fabiola García destacou que a Administración autonómica vai seguir reforzando as medidas de apoio ás familias acolledoras a todos os niveis. Así, recordou que desde o mes de maio se incrementaron as contías económicas para compensar o traballo e esforzo destas unidades familiares que ofrecen a súa casa, cariño e coidado aos nenos e nenas que máis o precisan.