A Xunta pon en valor que o primeiro rexistro de monoparentais de Galicia permitirá reforzar a protección destas familias
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica subliña que Galicia supera por primeira vez a barreira das 30.000 familias numerosas
Santiago de Compostela, 18 de xuño de 2025
O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, avanzou hoxe que a Xunta vai seguir reforzando o apoio ás familias galegas con diferentes medidas, como a creación do primeiro sistema de rexistro de familias monoparentais, que vén de finalizar o seu período de exposición pública. Fíxoo no pleno do Observatorio Galego de Familia e Infancia, órgano colexiado que asesora, estuda e propón actuacións nesta materia, e no que están representados as distintas administracións, os ámbitos xudicial, sindical e empresarial e entidades.
Na súa intervención, explicou que este rexistro permitirá reforzar a protección das familias monoparentais e facilitar a solicitude do certificado que expide a Xunta, dado que Galicia é unha das comunidades autónomas onde estas familias contan cun tratamento legal e un documento oficial que recoñece a súa condición.
Neste sentido, lembrou que Galicia ampliou en 2021 a súa definición a través da Lei de Impulso Demográfico, mais reiterou a necesidade de contar cunha normativa estatal que as recoñeza en todo o Estado por igual, “un texto bloqueado neste momento no Congreso dos Deputados”.
No pleno do Observatorio tamén se abordaron, entre outras cuestións, os datos estatísticos relativos ás familias numerosas. Estas cifras revelan que en 2024 a comunidade galega superou por primeira vez a barreira das 30.000 familias numerosas con título oficial en vigor, unha cifra que, segundo destacou o director xeral, “impúlsanos a seguir traballando xuntos nesta senda”.