A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, asiste ao Pleno do Consello Territorial de Servizos Sociais e Dependencia
Fabiola García esixe ao Goberno que asuma o 50% do financiamento da atención á dependencia e que dea o mesmo trato a Galicia que ao País Vasco
Lembra que “lonxe de aumentar, a achega estatal baixa en Galicia”, pasando de asumir o 40% do financiamento en 2023 a reducilo ao 34,9% en 2024
Madrid, 19 de xuño de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reclamou hoxe ao Goberno central que cumpra coa Lei de Dependencia, que obriga a financiar a partes iguais o investimento en dependencia, 50% o Executivo central e o 50% restante, os gobernos autonómicos. Na súa intervención, alertou de que en Galicia a achega estatal “lonxe de aumentar, baixa”, pasando de achegar o 40% do financiamento en 2023 a reducilo ao 34,9% en 2024, cunha débeda acumulada cos galegos que supera actualmente os 2.500M€.
Tras asistir ao Pleno do Consello Territorial de Servizos Sociais e Dependencia, a conselleira esixiu que “se lle dea a Galicia o mesmo trato que ao País Vasco”, unha comunidade coa que o Executivo central ven de comprometerse nunha reunión bilateral a asumir o 50% do financiamento da dependencia.
A conselleira alertou de que o Goberno central achega financiamento “de xeito desigual, dependendo de onde gobernen os seus socios parlamentarios”. Este xeito de proceder, segundo Fabiola García, “sitúa aos dependentes vascos como de primeira categoría mentres deixa aos galegos na segunda”. “Unha situación de infrafinanciamento dos servizos que o Goberno galego non vai permitir”, finalizou.