A Xunta aposta por unha resposta eficaz ante as emerxencias a través do novo grupo de intervención en emerxencias sociais

O director xeral de Emerxencias e Interior participou no acto oficial para anunciar este novo equipo, que nace da colaboración do Goberno galego co Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia e que se integrará nos efectivos de emerxencias de Galicia

A Estrada (Pontevedra), 20 de xuño de 2025

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, participou no acto de presentación do Grupo de Intervención en Emerxencias Sociais (GIES), unha iniciativa pioneira en Galicia que nace da colaboración entre a Consellería Presidencia, Xustiza e Deportes e o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia (COTSG), representado nesta xornada pola súa presidenta, Miriam Rodríguez.

O GIES será un novo recurso dos servizos de emerxencia de Galicia formado por traballadores sociais especializados para intervir en contextos de emerxencia social, como catástrofes naturais, evacuacións, accidentes de múltiples vítimas ou situacións de crise colectiva

Este novo grupo está conformado por 80 traballadores sociais que, de xeito voluntario e especializado, estarán integrados na resposta a situacións de emerxencia, xa que contan coa capacitación técnica e estrutura organizativa necesaria para dar resposta a emerxencias e desastres, así como en actividades de prevención de riscos.

O apoio deste novo servizo realizarase a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 unha vez que técnicos de protección civil avalíen a súa necesidade na intervención. Unha vez desprazados ao terreo, integraranse nos distintos equipos de emerxencias en función das necesidades particulares de cada evento.

A maiores, o GIES colaborará co persoal técnico da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior na planificación e desenvolvemento de cursos e xornadas formativas destinadas ao persoal integrado de Protección Civil, asesoramento de prevención e intervención en emerxencias de carácter técnico, actividades de sensibilización e prevención para a poboación en xeral; e a participación e colaboración do grupo e do Colexio nos simulacros de emerxencia.

Durante o acto, celebrado nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e que tamén contou coa presenza do xerente da Axencia Galega de Emerxencias, Marcos Araujo, e do director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia – 061, Román Gómez, fíxoselle entrega aos distintos profesionais que integrarán o GIES de diplomas e chalecos identificativos que utilizarán nos seus despregamentos. Ademais, os asistentes puideron coñecer tanto o funcionamento do grupo como as instalacións do CIAE 112.

Tamén, diferentes profesionais do traballo social relataron as súas experiencias e aprendizaxes ao colaborar en emerxencias sociais como o accidente do Alvia en 2013 ou a explosión do almacén de material pirotécnico en Tui no ano 2018, onde os bos resultados na súa colaboración cos efectivos de emerxencias amosaron a necesidade de dispoñer destes profesionais para dar unha resposta ante determinadas emerxencias.

Data de actualización: 20/06/2025