A Xunta reforza o seu apoio ao Resurrection Fest que cada ano incrementa o seu impacto turístico e consolídase como referente internacional

A cita enmárcase nos Concertos do Xacobeo con máis de 120 festivais, ciclos e concertos e 800 artistas e bandas do momento repartidos en 70 localidades de Galicia

Do 25 ao 28 de xuño, máis de 120.000 persoas poderán gozar dos directos de Judas Priest, Korn, Falling in Reverse, Slipknot e preto dun centenar de bandas e artistas de referencia do mellor metal, o punk, o rock e hardcore internacional, nacional e galego

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitaron esta mañá a montaxe da cita en Viveiro

Viveiro (Lugo), 23 de xuño de 2025

A mellor música de alta voltaxe volverá resoar en Galicia coa celebración dunha cita xa mítica do calendario musical: O Resurrection Fest regresa a Viveiro do 25 ao 28 de xuño para celebrar a súa 20ª edición. Trátase dunha cita enmarcada nos Concertos do Xacobeo que cumpre dúas décadas de vida cun line up de primeiro nivel e moitas outras actividades e melloras, ademais de artistas que visitan España por primeira vez, xiras internacionais únicas e directos exclusivos.

Así o puideron constatar o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, e o delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, nunha visita á montaxe dun festival que medra cada ano en asistentes, o que supón un importante pulo no ámbito turístico e económico do territorio.

En 20 anos de historia, o Resurrection Fest Estrella Galicia pasou de congregar a 1.500 persoas a reunir a máis de 120.000 persoas, converténdose en todo un referente mundial para os amantes do metal, o punk, o rock e o hardcore. Co apoio dos Concertos do Xacobeo da Xunta de Galicia, este 2025 visitarán Viveiro grandísimos nombres como Judas Priest, Korn, Falling in Reverse ou Slipknot.

Durante o percorrido, Xosé Merelles salientou que “a misión de Turismo de Galicia é darlle cobertura a citas imprescindibles que aportan un valor de calidade musical para o noso territorio, facendo posible eventos da altísima calidade do Resurrection Fest no marco dos Concertos do Xacobeo”.

O director de Turismo de Galicia apuntou, tamén, que “o público internacional, nacional e galego que ven gozar do Resurrection, co seu innegable atractivo musical, pero tamén turístico e gastronómico, ten a oportunidade de presenciar unha proposta artística de primeiro nivel, única no seu xénero a nivel mundial, en sintonía con sons de hoxe e de sempre que teñen unha gran pegada en públicos de varias xeracións”. E rematou: “Viveiro está preparada para unha nova experiencia musical e cultural lexendaria da man dos Concertos do Xacobeo en Viveiro, cun evento único na súa especie, que cada ano congrega a máis de 120.000 seguidores de máis de 40 países e que supón un motor económico e turístico incomparable para a contorna”.

Concertos do Xacobeo, un programa plural que apoia os principais eventos de Galicia

A Xunta de Galicia continúa firme na súa aposta por posicionar á comunidade galega como destino turístico de grandes eventos musicais a través dos Concertos do Xacobeo, un programa amplo e plural impulsado por Turismo de Galicia que da cobertura a todas as grandes e máis singulares citas e espectáculos musicais en 2025, como o Gozo Festival, O Son do Camiño, o Morriña Fest, o novo Festival Jaleo!, o PortAmérica, o Resurrection, o Río Verbena, o Galicia Fest e máis de 120 festivais, ciclos e concertos imprescindibles en máis de 70 localidades de toda Galicia.

Na provincia de Lugo, Concertos do Xacobeo suman dunha decena de eventos, entre eles, o Resurrection Fest, o Vendaval Fest ou o Caudal. Turismo de Galicia potencia así o atractivo turístico nunha contorna dunha gran riqueza e que medra na súa interese como destino turístico ano tras ano, con eventos abertos á mocidade, á infancia e aos adultos máis curiosos e esixentes. Concertos do Xacobeo fomentará en Lugo a dinamización da economía local, co apoio a asociacións locais, motores da cultura propia, á hostalería e ao comercio.

Máis de 800 artistas internacionais, nacionais e galegos de todos os xéneros que pisan forte nas listas de escoitas de agora e de sempre visitarán neste 2025 os Concertos do Xacobeo. A aposta pola calidade e a diversidade de gustos e estilos para diferentes xeracións de públicos constitúe un atractivo único programa, que un ano máis propón 12 meses de música en directo, favorecendo o turismo e a oferta cultural de xeito deslocalizado ao longo de todo o ano. O programa completo está recollido na páxina web www.concertosdoxacobeo.gal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/06/2025