A conselleira de Política Social e Igualdade respondeu no Pleno do Parlamento a unha interpelación

A Xunta confía en acadar un novo acordo coa Fegamp para incrementar o financiamento do servizo de axuda no fogar que ofrecen os concellos

Fabiola García agradece a boa disposición da federación de municipios e provincias durante a negociación aberta e esixe ao Goberno central que cumpra a Lei de Dependencia e asuma o 50% do custo dos servizos

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou esta mañá que a Xunta mantén aberta unha negociación coa Fegamp para acadar un acordo para o incremento do financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF). A conselleira mostrouse confiada en poder lograr un consenso “que redunde en beneficio dos galegos e galegas”.

En resposta a unha interpelación no Pleno do Parlamento, Fabiola García lembrou que Galicia é unha referencia a nivel nacional no Servizo de Axuda no Fogar (SAF), ao superar 25.000 usuarios en toda a comunidade. Destacou, ademais, que este é un dos servizos de atención á dependencia “máis valorados e que mellor responde ás necesidades dos maiores e das súas familias”.

Por iso, e ante o incremento do custo, a conselleira fixo fincapé en que a Xunta aposta por acadar un novo acordo coa Fegamp para a actual lexislatura. Sobre esta cuestión, lembrou que en 2021 chegouse a un consenso que a Xunta cumpriu de xeito rigoroso, e polo que se pasou dunha aportación de 9,7 euros/hora a 12 euros/hora. A conselleira detallou que nos últimos meses mantivo dúas reunións co Presidente da federación de municipios e provincias e agradeceu a súa boa disposición en toda a negociación.

Na súa intervención, Fabiola García volveu instar ao Goberno central a que cumpra a Lei de Dependencia, asumindo o 50% do custo dos servizos, xa que en Galicia esta achega tense reducido ao pasar do 40% no 2023 ao 34% no 2024. De feito, a conselleira esixiu para Galicia o mesmo compromiso que o Executivo central ten acadado de xeito bilateral co País Vasco.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/06/2025