Galicia reforza por terceiro curso consecutivo o seu liderado na escolarización de 0 a 3 anos, que se achega ao 65 % e supera en 15 puntos a media estatal

Os últimos datos que publica hoxe o Goberno central confirman que desde a implantación da gratuidade esta porcentaxe subiu case 20 puntos

Deste xeito, Galicia segue sendo a comunidade autónoma onde máis familias poden acudir a unha escola infantil totalmente gratuíta

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2025

Galicia reforza por terceiro curso consecutivo o seu liderado na taxa de escolaridade de 0 a 3 anos e achégase ao 65 %, máis de 15 puntos por riba da media de España, segundo os últimos datos oficiais que vén de publicar hoxe o Ministerio de Educación, Formación Profesional e Deportes. Deste xeito, Galicia segue sendo a comunidade autónoma onde máis familias poden acudir a unha escola infantil totalmente gratuíta.

As cifras oficiais revelan que Galicia rexistrou no curso 2024-2025 unha taxa do 64,3 % de escolarización, máis de catro puntos por riba do 60,6 % acadado no período anterior. Esta porcentaxe mantén á comunidade ao nivel dos países con maiores índices de benestar en Europa, como Suecia ou Dinamarca. A ratio galega é case 15 puntos superior á rexistrada no conxunto estatal, onde a media queda situada no 49,2 %. Deste xeito, Galicia consolida a súa posición como líder situándose moi por diante do País Vasco, a segunda comunidade no ránking, cunha taxa do 59,1 %.

Este liderado por terceiro curso consecutivo é consecuencia da aplicación do programa da gratuidade da Xunta, xa que desde que se comezou a implantar a porcentaxe de matriculacións neste 1º ciclo de Educación Infantil aumentou en case 20 puntos. A Xunta destina 65 M€ anuais de fondos propios a esta medida pioneira, que segue sen contar con apoio económico do Goberno central e que supón para as familias galegas un aforro de máis de 3.000 euros por curso.

Ademais, Galicia é a comunidade autónoma onde o programa da gratuidade é máis completo, xa que ningunha outra ofrece ata 8 horas diarias e 11 meses por curso atención educativa totalmente de balde ao 100 % do alumnado e en todas as escolas infantís: as públicas, as de iniciativa social e as privadas. A través desta iniciativa, a Xunta pon a disposición das familias 32.000 prazas gratuítas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2025