A Xunta destaca a forza da colexiación profesional na Gala do Economista da Coruña

A Coruña, 27 de xuño de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polas delegadas territoriais da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e en Ferrol, Martina Aneiros, participou hoxe na Gala do Economista, na que recibiu un diploma conmemorativo e a insignia do Colexio de Economistas da Coruña polos seus 25 anos de colexiado. Na súa intervención, o conselleiro salientou a forza da colexiación na defensa dos intereses e na visibilización dun colectivo profesional fundamental para o desenvolvemento dun territorio, como son os economistas.

Segundo sinalou, a capacidade de análise destes profesionais contribúe a prever retos futuros e a prepararse para eles. Nesta liña, referiuse ao labor previsor que fai tamén o Goberno galego como clave para xerar confianza entre a poboación, os sectores produtivos e os investidores. Así, lembrou que esta semana se acordou no Consello da Xunta iniciar a elaboración dos orzamentos da comunidade autónoma para o vindeiro ano, avanzando así nas bases do Plan financeiro do Goberno galego para 2026. “Un ano máis, demostramos que Galicia funciona e que fai os deberes en materia orzamentaria, as pesar do contexto de incerteza e inestabilidade que estamos a vivir tanto a nivel nacional como internacional”, engadiu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/06/2025