A Xunta apoia unha nova edición do festival Terra Brava, que se celebrará o 16 de agosto no Incio

Lugo, 9 de xullo de 2025

A Xunta de Galicia apoia o festival Terra Brava do Incio, que celebrará a súa vixésimo segunda edición o día 16 de agosto. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou na presentación do cartel xunto co alcalde do municipio, Héctor Corujo, e Luis Valcárcel, presidente da asociación Terra Brava, organizadora da cita.

O festival segue a apostar pola cultura máis próxima e mestura grupos consolidados e  talentos emerxentes. Así, o apartado musical estará cuberto polos galegos Lamatumbá, Sacha na horta, Mekanica Rolling Band e DJ Um Sincero, e os portugueses Kumpania Algazarra. Os concertos comezarán a partir das 19,30 horas.

Previamente haberá sesión vermú, amenizada por Xermolos, e comida popular, e tamén actuará a Escola de Música do Incio. A primeira hora da tarde está previsto o espectáculo infantil de Brais das Hortas.

A cita terá lugar na carballeira xunto ao campo de fútbol. Os organizadores puxeron á venda camisetas nos comercios do Incio para as persoas que queiran colaborar; os tíckets para o xantar poden mercarse na ferretería da localidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/07/2025