A Xunta contrata por 1,15 M€ a vixilancia e seguimento dos vertidos de augas residuais na demarcación hidrográfica Galicia-Costa
O obxectivo é favorecer a sostibilidade ambiental e a xestión eficiente dos recursos hídricos dentro da conca xestionada por Augas de Galicia, contribuíndo á protección dos ecosistemas acuáticos e a mellorar a calidade das augas da Comunidade
O contrato, cunha vixencia inicial de dous anos pero prorrogable por tres máis, enmárcase no compromiso do Goberno galego coa mellora continua dos servizos públicos e a súa aposta por dotarlos das ferramentas dixitais máis avanzadas
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2025
A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, acaba de adxudicar por un importe de 1,15 millóns de euros o servizo de asistencia técnica na intervención, vixilancia e seguimento en materia de vertidos de augas residuais no ámbito da demarcación hidrográfica Galicia-Costa para os vindeiros dous anos, aínda que se prevé a opción de prórroga por ata tres anos máis.
O obxectivo principal deste contrato é favorecer a sostibilidade medioambiental e a xestión eficiente dos recursos hídricos en Galicia, velando por que os vertidos se realicen de acordo coas normativas vixentes e contribuíndo así á protección dos ecosistemas acuáticos e á mellora da calidade das augas da Comunidade.
O servizo tamén busca acadar unha maior eficacia na tramitación de expedientes, tanto novos como en curso, reducindo prazos e mellorando a transparencia na xestión dos vertidos. Nesta liña, introduciranse, ademais, melloras no sistema de control e a base de datos de Augas de Galicia (coñecido como Acedha) para optimizar o seguimento dos expedientes, a interoperatividade e a tramitación electrónica integral, unha cuestión fundamental para avanzar cara á modernización e axilización dos trámites.
A adxudicataria deberá desenvolver accións como a asistencia na xestión das autorizacións, colaborando na tramitación dos expedientes de autorización de vertido e no seguimento dos xa vixentes, así como o control do cumprimento das normativas e medidas preventivas co fin de manter a calidade das augas e frear posibles episodios de contaminación.
Entre as obrigas da empresa tamén estará a xa mencionada mellora do sistema Acedha mediante a aplicación das novas tecnoloxías; a asistencia técnica para a elaboración de documentos técnicos que axuden a identificar posibles problemas e a súa solución; así como a actualización do censo de vertidos e a formación do persoal de Augas de Galicia nas boas prácticas e na xestión deste tipo de episodios.
Este contrato —que dá continuidade a outro anterior pero actualizado atendendo ás novas necesidades do servizo— é fundamental na adaptación das normativas ás realidades ambientais e tecnolóxicas, reforzando a capacidade de Augas de Galicia para facer fronte aos retos do cambio climático e a súa incidencia na xestión dos vertidos e do saneamento das augas residuais.
A aposta do Executivo galego por este tipo de contratos, que combinan asistencias técnicas de alta calidade co uso de ferramentas dixitais avanzadas, reflicte o seu compromiso coa protección ambiental e a mellora continua dos servizos públicos no ámbito do control e vixilancia dos vertidos.