Rueda destaca que Galicia ten adxudicado xa o 94% do importe dos Fondos MRR publicado en convocatorias e licitacións e o 85 % do ingresado
Salienta que “máis de 46.500 persoas, máis de 8.500 autónomos e 6.000 entidades” e sociedades estanse a beneficiar destes fondos
Lamenta a demora do Goberno central á hora de distribuír os fondos industriais a través dos PERTE
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, resaltou hoxe que o Goberno galego xa adxudicou “1.369 millóns de euros dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia”, é dicir, “o 85% dos fondos recibidos e o 94 % do importe publicado en convocatorias e licitacións”.
Deste modo se reflicte nun informe da Consellería de Facenda e Administración pública que hoxe se presentou ao Consello do Goberno galego referido á execución do Mecanismo de recuperación e resiliencia correspondente ao segundo trimestre de 2025.
Segundo explicou Rueda, a Xunta ten asignados 1.745 millóns de euros, dos que se recibiron por 1.631 M€ para ámbitos coma a transición verde e transformación dixital, industria, comercio e turismo, protección social e educación ou ciencia e saúde.
“Seguimos cumprindo nesta execución e nos da todo o dereito a reclamar o mesmo á Administración xeral do Estado", salientou o presidente. De feito, o informe repasa tamén o estado de execución dos proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica, que son deseñados, planificados e xestionados polo Goberno do Estado. Existen, na actualidade, 12 PERTE aprobados con financiamento de fondos MRR, que contan cun orzamento total de máis de 41.000 M€, pero só se adxudicaron 18.497 M€ (45 %).
A dotación dos PERTE supón o 25 % dos recursos totais do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, incluíndo os recursos adicionais da addenda de 2023. Porén, a participación de Galicia nas adxudicacións dos PERTE é do 5,6 % do asignado en toda España (1.033 M€). En canto a esta xestión centralizada, puxo como exemplo o PERTE do vehículo eléctrico e conectado, onde a Comunidade galega só recibiu o 3 % dos fondos asignados, a pesar da importancia da produción que representa Galicia fronte ao resto de territorios do Estado.
En canto ao impacto da execución da Xunta de Galicia a través dos fondos do Mecanismo de recuperación e resiliencia na sociedade galega, ata finais do segundo trimestre de 2025, “máis de 46.500 persoas físicas, máis de 8.500 autónomos e máis de 6.000 entidades e sociedades” estanse a beneficiar dos fondos xestionados polo Goberno galego.
O presidente da Xunta recordou que o prazo de execución dos fondos MRR finaliza no ano 2026, tal e como acaba de confirmar a Comisión Europea.