O presidente da Xunta mantén un encontro institucional coa titular do Goberno estremeño, María Guardiola

Galicia e Estremadura esixen un novo modelo de financiamento autonómico pactado de forma multilateral e que garanta a igualdade entre territorios

Asinan unha declaración na que ratifican o seu rexeitamento a un financiamento privilexiado e negociado directamente cunha comunidade

Rueda alerta de que os acordos bilaterais son “un golpe demoledor que quebranta o principio de solidariedade entre territorios” e poñen en xogo a prestación de servizos fundamentais

Salienta a necesidade de que o Goberno mellore as conexións ferroviarias en ambas comunidades e priorice os investimentos para a conexión de alta velocidade con Portugal 

Galicia e Estremadura colaborarán para promover o Camiño de Santiago que só no 2024 contou con máis de 9.000 peregrinos a través da Vía da Prata e o Camiño Mozárabe

Mérida, 18 de xullo de 2025

O titular do Goberno galego, Alfonso Rueda, mantivo hoxe unha reunión coa presidenta da Junta de Estremadura, María Guardiola, na que ratificaron o rexeitamento das dúas comunidades a calquera tipo de financiamento autonómico privilexiado para determinados territorios, que vaia en detrimento da igualdade entre todos os cidadáns. Reclamaron tamén que o Goberno central mellore as infraestruturas ferroviarias de ambas comunidades e garanta a conexión de alta velocidade con Portugal. 

Durante este encontro, Rueda e Guardiola asinaron unha declaración institucional na que esixen un novo modelo de financiamento para todos, que debe abordarse de xeito multilateral e ter en conta as demandas de todas as comunidades. Nesta liña, o presidente da Xunta amosou a súa oposición a calquera acordo bilateral. “Sería un golpe demoledor que quebrantaría o principio de igualdade e solidariedade entre territorios”, resaltou para alertar de que poñería en xogo poder garantir a prestación de servizos fundamentais .

Deste xeito, Rueda fixo fincapé en que Galicia e Estremadura reafirman “a plena vixencia” da Declaración de Santiago, subscrita o 23 de novembro de 2021 por oito comunidades —estas dúas e Cantabria, Asturias, Castela-A Mancha, Aragón e Castela e León— e na que xa se defendía un sistema de financiamento autonómico que respecte os principios de igualdade que consagra a Constitución. “É un punto de partida para poder iniciar a negociación dun novo modelo de financiamento”, indicou.

Ademais, Rueda e Guardiola coinciden en demandar ao Goberno central que mellore as comunicacións ferroviarias en ambas comunidades ao ser clave para o futuro de sectores coma o transporte de viaxeiros e mercadorías ou para mellorar a competitividade do tecido produtivo, segundo explicou o presidente galego, quen defendeu que o Goberno central priorice os investimentos para a conexión transfronteiriza de alta velocidade con Portugal.

A declaración institucional asinada hoxe tamén inclúe colaboración en materia de turismo para mellorar, afianzar e promover o Camiño de Santiago —que pasa por Estremadura a través da Vía da Prata e o Camiño Mozárabe— de cara ao Xacobeo de 2027. Rueda lembrou que a peregrinación a Compostela actúa como tractor da economía de ambas rexións xa que atrae cada ano a milleiros de persoas, xera postos de traballo, actividade empresarial e pon en valor o patrimonio cultural e natural das rexións. 

Mouteira do Camiño en Cáceres

Tras o encontro institucional mantido en Mérida, ambos mandatarios trasladáronse ata a cidade de Cáceres, onde se inaugurou unha Mouteira do Camiño de Santiago, e tamén visitaron o Museo de Cáceres. Durante o pasado año, máis de 9.000 peregrinos chegaron a Compostela a través da Vía da Prata ou o Camiño Mozárabe, o que supuxo un incremento dun 13% respecto a 2023. En canto aos estremeños que recolleron a compostela por facer o Camiño por calquera das rutas xacobeas a cifra superou os 7.000. 

No que va de ano, preto de 5.200 peregrinos elixiron a Vía da Prata ou o Camiño Mozárabe para peregrinar a Santiago, preto da metade procedentes doutros países.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/07/2025