Marta Villaverde visitou unha das peixerías adheridas a esta iniciativa en Pontevedra

O Bono Peixe desperta gran interese no seu lanzamento e acumula máis de 700 establecementos adheridos e máis de 52.000 bonos descargados nas primeiras 24 horas

O gasto ata agora foi tímido ao ser luns e non haber peixe nas lonxas tras o descanso da frota na fin de semana polo que a previsión é que nos vindeiros días se intensifique a utilización destes bonos

A conselleira do Mar destaca que está é unha medida pioneira, cunha vixencia de 10 semanas, e que sitúa a Galicia como referente internacional na promoción do consumo de produtos pesqueiros

A responsable autonómica subliña que esta acción, que mobiliza 2,5 millóns de euros, amosa o compromiso do Goberno galego ante un dos principais retos da cadea mar-industria

Pontevedra, 29 de xullo do 2025

O Bono Peixe cumpre as súas primeiras 24 horas tras o seu lanzamento na mañá do luns cando habilitouse as descargas por parte dos consumidores. O balance provisional ata agora son máis de 700 establecementos de venta de peixe fresco adheridos en toda a comunidade e máis de 52.000 bonos descargados. Estas foron as cifras que expuxo a conselleira do Mar, Marta Villaverde, na visita a unha das 272 peixerías adheridas, só na provincia de Pontevedra. Así, indicou que é un número que continúa medrando xa que os comercios poden sumarse a esta iniciativa ao longo de toda a vixencia deste programa de incentivo ao consumo de produtos pesqueiros frescos. 

A  responsable autonómica explicou que o gasto ata o momento é tímido dado que o luns é un día sen actividade para moitos establecementos xa que non hai peixe nas lonxas polo descanso semanal da frota. Nesta liña, sinalou que a previsión é que se intensifique a utilización dos bonos ao longo da xornada de hoxe por parte do consumidores que ofrecen un desconto do 25% ata un máximo de 5 euros semanais nas compras de peixe e mariscos frescos. Tamén resaltou que esta medida, que contará cunha vixencia de 10 semanas, é pioneira e sitúa a Galicia como referente internacional na promoción do consumo dos alimentos mariños

Marta Villaverde subliñou o compromiso do Goberno galego co sector mobilizando 2,5 millóns con esta acción que se suma a outras liñas de traballo como a campaña GALICIA SABE AMAR, ou a promoción en feiras internacionais ou eventos deportivos e culturais. A titular de Mar recordou que reverter a tendencia negativa no consumo de produtos pesqueiros é un dos grandes retos da cadea mar-industria, un sector estratéxico na comunidade cunha facturación que alcanza os 11.600 millóns de euros anuais e ao redor de 50.000 empregos directos.

Impacto na saúde

A conselleira do Mar tamén destacou que esta medida tamén ten un impacto na saúde e benestar da cidadanía galega xa que os produtos do mar contan cunhas propiedades nutricionais excepcionais e o súa presenza nas nosas dietas presente importantes beneficios á hora de previr enfermidades e doenzas. Nesta liña, recordou que o peixe ofrece unha proteína de máxima calidade cunha baixa pegada de carbono polo que o seu consumo tamén permite coidar do planeta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/07/2025