A conselleira de Política Social e Igualdade visitou as instalacións de Galipark Multiaventura

A Xunta abre o día 8 de setembro o prazo para solicitar o Bono Concilia Familia

O Executivo galego destina máis de 2,5 M€ a esta orde de axudas

Fabiola García destacou que se adiantan as datas de publicación e solicitude para beneficiar as familias

A conselleira de Política Social e Igualdade tamén avanzou que no caso das familias de especial consideración a achega sufragará ata o 100 % do custo

Padrón (A Coruña), 11 de agosto de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, anunciou esta mañá que as familias poderán solicitar o Bono Concilia Familia a partir do día 8 de setembro, unha nova convocatoria na que a Xunta inviste máis de 2,5 M€.  Así o avanzou durante a súa visita ao espazo de lecer e actividades Galipark Multiaventuras, situado en Padrón e no que moitos cativos realizan campamentos ou estancias de ocio nos períodos non lectivos.

A conselleira de Política Social e Igualdade lembrou que o Bono Concilia Familia é unha achega económica  directa para que as familias poidan sufragar o custo deste tipo de recursos como Galipark Multiavernturas e que son fundamentais nos períodos non lectivos. Deste xeito, destacou que esta axuda está destinada ás familias con fillos de ata 13 anos e nas que ambos proxenitores traballan, co obxectivo de contribuír a sufragar os custos dos servizos de conciliación como coidadores, ludotecas ou campamentos.

Neste sentido, lembrou que o Bono concilia Familia ofrece achegas económicas de ata 500 euros para a contratación dunha persoa a domicilio ou de 200 euros por persoa para sufragar os custos de recursos e servizos específicos como as ludotecas, os campamentos ou os espazos de lecer e actividades para nenos.

Fabiola García tamén resaltou que este ano as familias poderán consultar a información da convocatoria antes do habitual, porque a súa publicación no Diario Oficial de Galicia será durante o mes de agosto e o prazo de solicitude abrirase o día 8 de setembro. Deste xeito, indicou que “con este adianto a Xunta busca adaptarse aos tempos e necesidades que demandaban as familias”.

Ademais, avanzou, dentro dos máximos establecidos, o Bono pasará a cubrir o 100 % do custo, naquelas familias de especial consideración, é dicir, as monoparentais, numerosas, de acollida ou nas que conten cun cativo con discapacidade.

A conselleira lembrou que esta medida pioneira foi unha aposta do Executivo galego para que “a conciliación estea ao alcance de todas as familias”. Neste sentido, recordou o compromiso da Xunta para poñer a disposición de todos os galegos recursos e servizos de proximidade que permitan compaxinar a súa vida laboral, persoal e familiar sen dificultade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 11/08/2025