A Xunta apoia a nova edición do Ribela Love Nature que se celebrará os días 22 e 23 de agosto en Sarria
Sarria, 19 de agosto de 2025
A Xunta renova a súa colaboración co Ribela Love Nature, o festival de música electrónica que celebrará a súa terceira edición os vindeiros venres 22 e sábado 23 de agosto no concello de Sarria. A directora territorial da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Carmen José López, participou esta mañá na presentación do evento xunto a membros da Asociación Cultural Ribela, organizadora do festival, e representantes doutras entidades colaboradoras.
O Ribela Love Nature aposta nesta ocasión por un cartel innovador reunindo a figuras internacionais con artistas autóctonos, con nomes como Identified Patient, RONI, Pangaea, Croatian Amor, Alba Franch, Angélica Salvi, Aiken, Architectural ou o DJ sarriao Jor Ginho.
As portas do recinto dos concertos abriranse o venres ás 21.00 horas e o sábado ás 20.30 horas, pero o inicio da programación adiantarase xa ao venres ás 17.00 horas cun encontro no lugar de Manán titulado ‘Fíos que unen: un encontro intercultural”. Esta proposta incluirá un concerto acústico de Samuel Martins Coelho e charlas coa participación de representantes de diversas asociacións culturais de Sarria.
Os organizadores destacan o Ribela Love Nature como un espazo de encontro, liberdade, sostibilidade e experimentación cultural, no que se aposta por unha programación que combina vangarda e identidade local, co obxectivo de contribuír a consolidar a Galicia como un lugar clave dentro do circuíto europeo da música electrónica alternativa.