A Xunta xa executou o 90% do seu plan anual da cooperación galega no primeiro semestre do ano
O plan conta cunha dotación de case dez millóns de euros no marco do ‘V Plan director da cooperación galega 2023-2026’
A acción humanitaria, a cooperación exterior, a formación, a sensibilización, a investigación e o apoio técnico centran as diversas liñas de actuación
Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2025
A Xunta executou o 90% do seu Plan anual da cooperación galega previsto para 2025 no primeiro semestre do exercicio. A través deste instrumento dotado cun total de 9.864.381 euros, un 10% máis que o ano anterior, o Goberno galego establece a programación operativa da cooperación galega en función das prioridades xeográficas e sectoriais e dos resultados previstos no V Plan director da cooperación galega 2023-2026.
Entre as accións desenvolvidas figuran a publicación das convocatorias de axudas que son xa sinais de identidade da cooperación galega, principalmente destinadas a Organizacións Non Gobernamentais para o Desenvolvemento. Trátase das subvencións bianuais para 2025 e 2026 destinadas a proxectos de cooperación no exterior de ONGD e outros axentes de cooperación, cunha dotación de 6 millóns de euros. Tamén se activaron as liñas para proxectos de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global, con 720.000 euros para este ano, e as liñas de axudas plurianuais para programas de cooperación das ONGD, cun orzamento de 1,8 millóns de euros, as axudas anuais para proxectos de acción humanitaria, con 550.000 euros, para investigación con 200.000 euros e para microproxectos de cooperación no exterior, financiadas con 150.000 euros.
Ademais, publicouse unha nova oferta de seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación para o desenvolvemento, de carácter bianual e ás que se destinan 104.600 euros para a súa execución.
Neste marco de acción, tamén se asinaron convenios de colaboración no ámbito da acción humanitaria con Farmamundi, UNRWA España, ACNUR, e con UNICEF así como coa Coordinadora galega de ONGD no ámbito da educación para o desenvolvemento, a sensibilización, a formación e o fortalecemento institucional. O importe destes acordos suma 310.000 euros. A maiores, Galicia aportou 100.000 euros para a actuación conxunta coa Cooperación descentralizada, a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID) e a Federación Española de Municipios e Provincias.
Por outra banda, froito da colaboración entre a Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero e a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE asinouse un novo convenio entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a Consellería de Política Social e Igualdade e varias ONGD para a execución do proxecto Galicia Abriga: Programa galego de acollida temporal a mulleres defensoras dos dereitos humanos.
Compromisos de 2024
A maiores destas novas accións, estáselles a dar cobertura aos compromisos adquiridos en 2024, como os 31 proxectos no exterior dos axentes de cooperación, 17 proxectos de Educación para o desenvolvemento e a cidadanía global e seis bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional.
A eses compromisos engádenselles os convenios xa asinados con distintas entidades, como o acordo con Augas de Galicia e a Asociación Enxeñería Sen Fronteiras Galicia para o fortalecemento de capacidades técnicas na xestión dos recursos hídricos en Mozambique. Tamén, para a actuación conxunta con diversas axencias en materia de acción humanitaria, para o desenvolvemento do proxecto Activistas polo mundo que queremos, enmarcado no Plan Proxecta da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; e o convenio de colaboración coas tres universidades galegas para a consolidación do I Plan estratéxico da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento 2020-2030.
A través das medidas incluídas no Plan anual 2025 da cooperación galega para o desenvolvemento o Goberno galego avanza nos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) co fin de erradicar a pobreza, reducir as desigualdades, promover os dereitos humanos e as liberdades fundamentais ou loitar contra o cambio climático, tal e como establece V Plan director da cooperación galega 2023-2026, que tamén aliña o seu marco estratéxico coa Axenda 2030 e os seus ODS.