A Xunta aproba as axudas para proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior por case 6 M€
O Goberno galego vén de publicar a resolución coas axudas a un total de 32 proxectos, tres deles en conxunto, promovidos polos axentes de cooperación
Da totalidade das iniciativas, 31 delas executaranse nos países prioritarios para a Cooperación Galega
Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2025
A Xunta vén facer pública na web da Cooperación Galega a resolución da convocatoria de subvencións destinadas á execución de proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación. Serán financiados un total de 32 proxectos cun orzamento global de case seis millóns de euros, que se distribúen entre 2025 e 2026.
Do total de propostas, tres son en agrupación de dúas entidades, 23 corresponden a proxectos de ONGD, cun financiamento total de 4,15 millóns de euros; dúas a outros axentes de cooperación, con case 370.000 euros; e en cumprimento do compromiso adquirido no V Plan director da Cooperación Galega 2023-2026, sete proxectos no marco da nova liña de axudas creada este ano en apoio a organizacións feministas e de defensa dos dereitos das mulleres, financiados cun total de 1,2 millóns de euros.
Case todos os proxectos executaranse nos países prioritarios para a Cooperación Galega. En concreto, sete iniciativas desenvolveranse en Guatemala, seis no Perú, catro en Bolivia, tres en Mozambique, tres en República Dominicana, tres en Nicaragua, dúas no Salvador, dúas en Honduras e unha en Guinea Bissau.
Esta convocatoria enmárcase no V Plan director da cooperación galega 2023-2026, así como no Plan anual da cooperación galega de 2025. Os proxectos compren co obxectivo de tratar as prioridades transversais básicas da poboación no país que se executan, buscando satisfacer as necesidades das poboacións máis desfavorecidas.
Ademais, esta convocatoria é parte do traballo do Goberno galego pola consecución dos Obxectivos de desenvolvemento sustentable para 2030 das Nacións Unidas seguindo os criterios de eficacia e calidade da axuda.