A conselleira de Política Social e Igualdade asiste á inauguración e inicio de curso na nova escola infantil municipal de Ordes

Fabiola García avanza que o obxectivo da Xunta é consolidar a Galicia como líder absoluto de escolarización en 0-3 por cuarto curso consecutivo

A conselleira pon en valor a continua ampliación da rede de prazas públicas, con 61 novas no concello de Ordes grazas á apertura da nova escola municipal ‘Herminio Rial’, financiada polo Goberno galego con máis de 930.000 euros

Destaca que mañá sairá publicada no Diario Oficial de Galicia a nova convocatoria do Bono Concilia Familia, que poderá comezar a solicitarse a partir do luns 8 de setembro

Ordes (A Coruña), 3 de setembro de 2025

A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, participou esta mañá na apertura do curso escolar na nova escola infantil municipal de Ordes, un centro que a Xunta  de Galicia financia con máis de 930.000 euros, o que supón o 70% do total do custo da actuación. No acto, avanzou que o obxectivo do Goberno galego e consolidar a Galicia como líder absoluto de escolarización na etapa 0-3 por cuarto ano consecutivo.

Fabiola García percorreu as instalacións da nova escola infantil Herminio Rial, que conta xa con 61  prazas gratuítas para nenos e nenas de 0 a 3 anos. Durante a visita, tamén puido saudar ás familias e aos rapaces que comezan estes días o seu período de adaptación. A conselleira estivo acompañada do alcalde de Ordes, José Luis Martínez; do atleta ordense en cadeira de rodas, Herminio Rial, e do empresario Álvaro Concheiro, que financiou a compra de mobiliario.

No acto, destacou que nestes días retoman a súa actividade as escolas infantís e que este venres, 5 de setembro, iniciase o curso nos centros públicos dependentes da Xunta de Galicia. Ademais, lembrou que, por cuarto curso consecutivo, a atención educativa será totalmente gratuíta en todas as escolas infantís da comunidade, unha medida pioneira que permite que máis de 32.000 familias galegas poidan beneficiarse dela vivan onde vivan e vaian ao centro que vaian: público, de iniciativa social ou privado.

Fabiola García sinalou que a Xunta destina máis de 65M€ de fondos propios á gratuidade, que permite aos pais aforrar máis de 3.000 euros por fillo. Así mesmo, destacou que catro anos despois da súa implantación, Galicia segue a ser a única comunidade autónoma que ofrece oito horas diarias de atención educativa de balde durante once meses ao ano.

A conselleira indicou que o Goberno galego se marca como obxectivo para este novo curso que a nosa comunidade volva ser líder de escolarización 0-3 anos. Na actualidade, a taxa de matriculación neste primeiro ciclo de Educación Infantil aproxímase ao 65%, 15 puntos por riba da media estatal.

Máis medidas de apoio ás familias

Ademais da gratuidade das escolas infantís 0-3, a Xunta ten outras medidas de apoio ás familias e á conciliación. Entre estas destacan a creación de máis dun centenar de casas niño para as familias que viven no rural, as axudas á crianza dos fillos a través da Tarxeta Benvida ou o Bono Concilia Familia para que os pais poidan contratar un servizo de conciliación sempre que o necesiten.

Sobre este bono, a conselleira de Política Social e Igualdade avanzou que a nova convocatoria sairá publicada mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG) e poderá comezar a solicitarse a partir do vindeiro luns, 8 de setembro.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 03/09/2025