A Xunta destaca que Galicia é a única comunidade que está por riba da barreira do 60% de escolarización na etapa 0-3 e supera en 15 puntos a media estatal

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, subliña que a rede de prazas públicas nas escolas infantís “continúa medrando ano a ano” e que o obxectivo é que Galicia sexa líder en matriculación por cuarto curso consecutivo

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2025

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, lembrou esta mañá que este venres comeza o curso escolar en todas as escolas infantís públicas de Galicia e que o reto que se marca a Xunta é que Galicia lidere por cuarto curso consecutivo a escolarización na etapa 0-3. Neste sentido, lembrou que a comunidade galega é a única autonomía que supera a barreira do 60% de matriculación, fronte a outras onde esta ratio non acada o 40%.

En resposta a unha pregunta na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego da Cámara galega, puxo en valor que, segundo os últimos datos oficiais, Galicia supera en máis de 15 puntos a media española, xa que acada o 64,3% de escolarización, fronte ao 49,2% rexistrado no conxunto estatal. Ademais, asegurou que a escolarización nesta etapa medrou no último curso en Galicia o triplo que a media en España.

O director xeral destacou que estes datos son posibles grazas ao impacto do programa de gratuidade impulsado pola Xunta, ao que destina 65M€ de fondos propios e que non conta con achegas do Goberno central. Esta medida compleméntase, ademais, co apoio dos concellos nas escolas infantís de titularidade municipal.

Grazas a esta colaboración, actualmente hai en Galicia un total de 32.000 prazas gratuítas a disposición das familias galegas, unha cifra á que se sumarán as 1.000 novas prazas que se crearán con fondos europeos. Deste xeito, o director xeral destacou que a rede de prazas nas escolas infantís “continúa medrando ano a ano” e puxo como exemplo a apertura esta mesma semana da nova escola infantil de Ordes, construída con fondos da Unión Europea, impulsada polo Concello e subvencionada pola Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/09/2025