A Xunta publica a adxudicación de 230 prazas nas residencias xuvenís para o próximo curso

O Goberno galego pon estas residencias ao servizo da xuventude que se vexa obrigada a permanecer fóra do concello onde residen

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ofrece prazas na residencia xuvenil LUG de Lugo, a residencia Florentino López Cuevillas de Ourense, e a Residencia Xuvenil Altamar en Vigo

As persoas adxudicatarias dispoñen dun prazo de 10 días hábiles desde mañá para presentar a documentación necesaria

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2025

A Xunta acaba de adxudicar 230 prazas nas residencias xuvenís para o curso académico 2025/2026 destinadas á mocidade de 16 a 30 anos. Así se publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia onde se recolle a distribución de prazas para residencias en Lugo, Ourense e Vigo.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon así estas residencias ao servizo da xuventude que, por razóns de estudos ou traballo, se vexan obrigadas a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual. Ademais do aloxamento e mantenza, o espazo ofrécelles ás persoas mozas residentes unha serie de servizos e actividades de convivencia e educativas complementarias.

Mediante esta resolución outorgáronse 78 prazas a persoas estudantes no Centro Residencial Xuvenil LUG situado en Lugo, 60 prazas a persoas estudantes na Residencia xuvenil Florentino López Cuevillas, en Ourense, e 92 prazas a persoas estudantes e traballadoras na Residencia Xuvenil Altamar, en Vigo.

Cómpre lembrar, que nesta convocatoria os centros contaron con prazas reservadas para persoas que sufran violencia de xénero, mozos e mozas cuxas proxenitoras a sufrisen, para persoas con expediente de protección aberto ou para persoas con discapacidade.

As persoas adxudicatarias dispoñen dun prazo de 10 días hábiles desde o seguinte ao da publicación desta resolución para presentar a documentación solicitada. O período de estadía estará dentro do calendario académico, agás os períodos de vacacións, e inclúe aloxamento e manutención.

Data de actualización: 05/09/2025