Máis de 104.000 galegos empregan a aplicación XuntaEu para as súas xestións coa administración

A app permite consultar notificacións, expedientes, recibir avisos, xestionar citas, acceder a certificados, tarxetas e carnés emitidos pola Xunta

Ademais, entre as últimas funcionalidades incorporadas está a posibilidade de achegar documentación aos expedientes e unha canle de whatsapp para consultar dúbidas técnicas da aplicación

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2025

Máis de 104.000 galegos e galegas realizan xestións coa Xunta a través do móbil, grazas á aplicación XuntaEu. A Administración autonómica puxo en marcha esta app o pasado ano co obxectivo de  simplificar a relación dos cidadáns cos servizos dixitais aproveitando o uso, practicamente universal, dos dispositivos móbiles.

XuntaEu está dispoñible para os sistemas operativos iOs e Android e, una vez descargada, a persoa usuaria pode acceder dun xeito seguro aos servizos dispoñibles empregando Chave365, o DNI electrónico ou un certificado dixital.

Grazas a XuntaEu as persoas usuarias poden consultar, aceptar ou rexeitar desde o móbil as notificacións que a Administración lles faga chegar a través do sistema Notifica.gal, Ademais, poden acceder á información básica dos seus expedientes e presentacións e acceder de xeito directo á sede electrónica para tramitalos.

Tamén se poden consular as citas programadas coa Administración e acceder ou dar de alta apoderamentos do Rexistro Electrónico de Apoderamentos de Galicia.

Outras utilidades que proporciona XuntaEu son a xestión da baixa no sistema de Chave 365, a posibilidade de consultar ou modificar os datos persoais almacenados na Carpeta Cidadá e a recepción de avisos personalizados.

Actualmente, a aplicación permite o acceso a un total de 12  tarxetas ou carnés emitidos pola Xunta de Galicia, que poden ser validados por terceiros directamente dende o dispositivo a través dun código QR.  XuntaEU proporciona, tamén, acceso aos certificados dos que dispoña a persoa usuaria. Neste momento, os documentos dispoñibles son o Certificado de habilitacións profesionais, a Licenza de pesca marítima de recreo en superficie, a Licenza de pesca marítima de recreo submarina e a Licenza de pesca marítima de recreo en embarcacións.

Outra das funcionalidades que inclúe XuntaEu é a de  comprobar a validez de documentos asinados electronicamente, tanto de maneira manual como mediante o uso da cámara para escanear o código QR.

Desde a súa publicación a aplicación vén incorporando melloras e novas utilidades. Entre as últimas novidades implementadas, están a posibilidade de achegar documentación aos expedientes e unha canle de whatsapp para consultar dúbidas técnicas da app.

Data de actualización: 07/09/2025