A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático respondeu unha interpelación parlamentaria

Ángeles Vázquez insta ao Goberno central a seguir o exemplo da Xunta e protexer os ríos da súa competencia do arrastre das cinzas dos lumes

Pon en valor que Augas de Galicia está a despregar desde hai semanas diferentes medidas orientadas a crear barreiras anticontaminación nas contornas fluviais das áreas afectadas e xa ten definidas as próximas zonas de intervención

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén está a actuar sobre o terreo afectado cun plan de aporte alimentario ás poboacións de herbívoros e aves 

As actuacións sobre o terreo compleméntanse con dúas liñas de axudas convocadas para apoiar a concellos, mancomunidades de montes e tecores na restauración de infraestruturas ou equipamento de uso público prexudicadas polo lume 

De cara ao futuro, estase a elaborar un estudo sobre a afección á biodiversidade e un plan de restauración a cinco anos para actuar nos espazos naturais danados polos incendios forestais deste verán

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, instou hoxe ao Goberno central a seguir o exemplo da Xunta e actuar para protexer os ríos da súa competencia ante os arrastres de cinzas nas zonas afectadas polos incendios forestais deste verán.

Durante a súa resposta a unha interpelación no Parlamento, Ángeles Vázquez puxo en valor que Augas de Galicia está a despregar desde hai semanas diferentes medidas orientadas a crear barreiras anticontaminación nas contornas fluviais das áreas afectadas e, ademais, xa ten definidas as próximas zonas de intervención, así como as actuacións a desenvolver.

En concreto, xa se actuou en concellos como Ponteceso, Lousame ou Meaño coa construción de cordóns de vexetación, feitos de pólas e troncos que proceden da contorna afectada polos lumes, así como coa instalación de barreiras de madeira, que se colocan transversalmente nas canles, en puntos con elevada pendente, e que permiten fixar posibles arrastres e reducir a velocidade da auga.

Cómpre lembrar que Augas de Galicia leva a cabo ao longo de todo o ano tarefas de conservación e mantemento fluvial, o que facilita actuar de urxencia en caso de que resulte necesario, como sucede agora. Nese senso, a normativa galega permite unha xestión máis áxil en comparación coa lexislación que aplica o Executivo central nas demarcacións hidrográficas da súa competencia. 

A maiores, Ángeles Vázquez  subliñou que a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático tamén está a actuar sobre o terreo afectado cun plan de aporte alimentario ás poboacións de herbívoros (principalmente grandes ungulados) e aves das zonas máis afectadas polo lume. A previsión inicial é repartir 34.000 quilogramos de palla e cereais por terra e, tamén, a través de helicópteros nas zonas de accesibilidade máis complexa.

Dúas liñas de axudas

Estas actuacións sobre o terreo compleméntanse coas dúas liñas de axudas convocadas pola Consellería no marco do paquete de medidas aprobado polo Goberno galego para impulsar a reconstrución das zonas afectadas. 

No caso da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, apoiarase, por unha banda, aos concellos ou mancomunidades de montes na restauración de infraestruturas de uso público (sinais, carteis interpretativos, miradoiros, pasarelas, varandas...) afectadas polo lume en zonas da Rede galega de espazos protexidos e Reservas de biosfera. Por outra banda, os titulares de Tecores terán financiamento para cubrir os gastos de sementeira de cereais en terreos afectados e para reparar e repoñer instalacións danadas (refuxios, comedoiros para animais, cercados...). 

A maiores, a conselleira avanzou que o Goberno galego tamén pensa no futuro. Deste xeito, xa estamos a elaborar un estudo sobre a afección á nosa biodiversidade, no que se analizará o estado de aves, mamíferos, réptiles e insectos; así como un plan de restauración para actuar nos espazos naturais afectados polos incendios. Nesa liña, Ángeles Vázquez lembrou que logo do incendio acontecido en 2022 no Courel xa se puxo en marcha un plan de recuperación integral deste tipo.

Proxecto de Lei do clima de Galicia

Tamén de cara ao futuro, Ángeles Vázquez incidiu na recente aprobación do proxecto de Lei do clima de Galicia por parte do Consello da Xunta, que promoverá accións orientadas a preparar o territorio e protexer á cidadanía dos efectos e riscos ambientais asociados ao quecemento global, como, por exemplo, a creación de refuxios climáticos.

Ademais, esta nova normativa reforzará as redes autonómicas de meteoroloxía e de calidade do aire, así como os servizos para a xestión dos riscos derivados do cambio climático co obxectivo de poder dispoñer de máis datos e mellorar a nosa capacidade de prevención e resposta.

Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez agradeceu o esforzo do persoal da Consellería para reforzar o sistema de protección e salvagarda dos espazos naturais protexidos e da biodiversidade ante os incendios. Nese senso, puxo en valor que todos os axentes ambientais da Dirección Xeral de Patrimonio Natural estiveron en situación de garda e á disposición dos servizos provinciais de Prevención de Incendios Forestais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/09/2025