Rueda e Urkullu avalían vías de cooperación entre a Xunta e a Fundación eAtlantic para impulsar a fachada atlántica europea
O presidente do Executivo autonómico mantivo esta tarde un encontro co ex lehendakari do Goberno vasco, promotor desta nova entidade que ten entre os seus obxectivos fomentar unha gobernanza participativa e multinivel na Unión Europea
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta tarde unha reunión co presidente de Fundación eAtlantic, Íñigo Urkullu, con quen avaliou vías de cooperación entre a entidade e a Administración autonómica para impulsar a fachada atlántica europea.
Rueda, que estivo acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, coñeceu as liñas estratéxicas da entidade presidida polo exlehendakari, que foi constituída o pasado mes de abril. No encontro, que se enmarca na rolda de contactos que se están a promover desde a fundación para dala a coñecer, participou tamén a directora xeral da Fundación eAtlantic, Marian Elorza.
A Fundación eAtlantic pon o foco en fomentar a colaboración entre axentes públicos e privados na fachada atlántica europea para garantir a prosperidade futura deste espazo xeográfico, desde o compromiso co desenvolvemento humano sostible e os obxectivos impulsados por Nacións Unidas, así como cos valores democráticos; ademais de impulsar a súa competitividade. A entidade tamén aposta por unha gobernanza participativa e multinivel na Unión Europea respectuosa coa autonomía rexional dos Estados membro.