A Xunta instala 14 paneis divulgativos para informar e sensibilizar á cidadanía sobre o risco de inundación no río Magalofes, en Fene
O obxectivo de Augas de Galicia é advertir dos perigos asociados ás áreas de risco potencial significativo de inundación e dar a coñecer as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio de desbordamento
Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2025
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, acaba de completar a instalación dun total de 14 paneis informativos na área de risco potencial significativo de inundación (Arpsi) Río Magalofes-Fene co fin de concienciar á cidadanía sobre os perigos e implicacións asociados a estas zonas así como sobre as medidas preventivas e as pautas de actuación recomendadas en caso de producirse algún episodio deste tipo.
Esta ARPSI está formada polo río Magalofes e discorre integramente polo concello coruñés de Fene. Ademais, segundo se recolle no Plan de Xestión do Risco de Inundación (PXRI) da demarcación hidrográfica de Galicia-Costa pertence ao grupo IV, que é o de maior perigosidade e risco desde o punto de vista dos desbordamentos.
Precisamente, a colocación destes elementos pretende mellorar a conciencia pública sobre a dinámica natural dos ríos e reforzar a seguridade e autoprotección cidadá, un traballo que se enmarca no Plan estratéxico de divulgación das áreas de risco potencial significativo de inundación (PEDARPSI) e que dá continuidade á instalación destes paneis noutras zonas sensibles da Demarcación Galicia-Costa.
Ata agora colocáronse estes indicadores en concellos como, por exemplo, Carballo, Sanxenxo, Bueu, Vimianzo, Zas, Sada, Cedeira, Neda e Carnota.
Augas de Galicia reforza así o compromiso coa prevención e xestión sostible de eventuais asolagamentos, en estreita colaboración coas administracións locais e autonómicas e cumprindo co PXRI vixente ata 2027, que está sendo sometido xa a revisión en aplicación da directiva comunitaria relativa á xestión do risco de inundación.
Paneis con formatos e mensaxes adaptados
No caso concreto da Arpsi Río Magalofes-Fene, o organismo hudráulico procedeu a colocar seis paneis xerais, con información xeral sobre a zona e o protocolo de actuación en caso de desbordamento; outros seis reducidos e dous paneis infantís, cunha estética e linguaxe máis simples e adaptadas neste caso á idade do público ao que van dirixidos.
Os traballos para instalar estes novos carteis no río ao seu paso por Fene enmárcanse no contrato de Augas de Galicia para a prestación do servizo de concienciación e divulgación do risco de inundación e sinalización das áreas que se atopan nesta situación, que conta cun investimento de preto de 700.000 euros.
Ao abeiro deste contrato e dentro do PEDARPSI cómpre lembrar tamén que se desenvolveron obradoiros nos centros de educación infantil e primaria existentes nas proximidades das áreas de risco potencial significativo de inundación para concienciar ás novas xeracións sobre os asolagamentos e a influencia que teñen as accións do ser humano nas contornas fluviais e no funcionamento das canles de auga.