A Xunta destina máis de 106.000 euros para a creación de dez prazas públicas de atención diúrna nos concellos de Fisterra e Ponteceso, a través de dúas novas casas do maior

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria destacou que estes recursos facilitan a conciliación das familias e permiten que as persoas maiores poidan permanecer nos seus fogares

Fisterra (A Coruña), 16 de setembro de 2025

O director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, acompañado do alcalde de Fisterra, Luís Manuel Insua, presentou hoxe a nova casa do maior coa que contará este municipio e na que a Xunta inviste máis de 53.000 euros. Este novos recurso, que se suma aos dous xa existentes neste concello, permitirá prestar un servizo de atención diúrna a un total de 15 veciños da contorna.

Antón Acevedo avanzou que esta será a terceira casa do maior do concello de Fisterra, que se sumará as dez establecidas na Costa da Morte. Durante a visita, lembrou que as casas do maior son un servizo pioneiro impulsado pola Xunta para ofrecer unha atención gratuíta e de proximidade aos maiores que viven en concellos que non contan con outros recursos de carácter diúrno.

Ademais, o director xeral coñeceu tamén a que será a nova casa do maior de Ponteceso e a terceira deste municipio, que conta cunha achega tamén de máis de 53.000 euros do Executivo autonómico. Na visita, na que participou o alcalde de Ponteceso, José Manuel Mato, Antón Acevedo recalcou que con esta nova incorporación xa son oito os recursos destas características na comarca de Bergantiños.

Nestes momentos en Galicia xa hai en funcionamento máis de 140 recursos destas características que prestan servizo a máis de 700 maiores, as que se suman as novas 20 casas do maior que a Xunta porá en marcha este ano, tal e como recolle a resolución da convocatoria publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 16/09/2025