A directora xeral de Administración Local participou na mesa redonda `O futuro da Administración local’, no marco do congreso ‘1985-2025. 40 anos de Bases de Réxime Local e do control externo local en Galicia’, organizado polo Consello de Contas de Galicia
A Xunta destaca a futura Lei de Administración Local como ferramenta pioneira para ofrecer solucións do século XXI ás necesidades do ámbito local
Natalia Prieto indica que a norma se adaptará á realidade demográfica galega coa definición dos municipios que se atopan en risco de despoboamento e medidas destinadas a que poidan mellorar os seus servizos
Avanza que a reforma da Lei na que está a traballar a Xunta prevé avanzar cara a un novo sistema de financiamento local integrando criterios como a dispersión e o envellecemento da poboación
A Coruña, 16 de setembro de 2025
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, defendeu hoxe a importancia da nova Lei de Administración Local de Galicia (Lalga), na que traballa a Xunta, como “unha ferramenta pioneira que converterá a Galicia en referente estatal” no que se refire á modernización da xestión local.
Así o asegurou durante a súa participación na mesa redonda O futuro da Administración Local, no marco do congreso 1985-2025. 40 anos de Bases de Réxime Local e do control externo local en Galicia, organizado polo Consello de Contas de Galicia. Deste xeito, explicou que coa futura norma a Xunta pretende ofrecer solucións do século XXI aos problemas actuais dos concellos no seu día a día.
Ademais, trátase dunha norma -engadiu a directora xeral- adaptada á realidade demográfica galega, tendo en conta que o 90% dos concellos galegos teñen menos de 15.000 habitantes. En concreto, definirá os municipios que se atopan en risco de despoboamento e recollerá medidas para reforzar a súa capacidade na prestación de servizos á súa veciñanza.
Nesta liña, lembrou que o Goberno galego xa mantén actualmente un compromiso firme coas entidades locais de menor poboación como demostra, por exemplo, o incremento este ano en 5,4 millóns de euros do fondo base do Fondo de Cooperación Local (FCL), que se reparten entre os concellos de menos de 15.000 habitantes. Xunto con este aumento, lembrou que se destinan outros cinco millóns de euros do fondo adicional do FCL a actuacións de eficiencia enerxética en edificios de titularidade municipal de municipios tamén de menos de 15.000 veciños. De feito, coa mesma finalidade de axudar aos concellos máis pequenos, como indicou Natalia Prieto, moitas das liñas de colaboración da Xunta coas entidades locais establecen un número de máximo de habitantes como un dos criterios para poder ser beneficiarias.
Canto ás fórmulas de cooperación e colaboración municipal, a directora xeral destacou que a Lalga, entre outras medidas, manterá os incentivos ás fusións de concellos dándolles prioridade como ata agora nas axudas públicas e con fondos específicos no FCL.
Por outra parte, instou a integrar precisamente os criterios da dispersión do envellecemento da poboación na necesaria negociación do financiamento local que a Xunta vén demandando ao Goberno central, xa que, “Galicia sofre un infrafinanciamento de case 700 millóns anuais” debido a estas características demográficas singulares. Por iso, aclarou que a nova Lalga prevé avanzar nun novo sistema de financiamento local que integre eses criterios de dispersión e envellecemento.
Por iso, indicou que, mentres non se leva a cabo esa reforma por parte do Executivo estatal, o Goberno galego trata de compensar este desfase cun incremento de 39 millóns na contía destinada aos concellos galegos ata acadar 641 millóns de euros. Desa cifra récord, 168 millóns corresponden ao FCL, 10 millóns máis que en 2024. Ademais, desde a Dirección Xeral de Administración Local investíronse o ano pasado 24 millóns de euros en case 700 actuacións en 289 concellos (o 92% do total).