A Xunta destina 35.600 euros á mellora da vía entre O Rego, en Trabada, e Vilamartín Pequeno, en Barreiros
O delegado territorial de Lugo explica que é unha das actuacións beneficiarias da orde de axudas a concellos para mellorar infraestruturas municipais
Lugo, 18 de setembro de 2025
A Xunta destina 35.600 euros ás obras de acondicionamento do vial entre O Rego (Trabada) e Vilamartín Pequeno (Barreiros), con cargo ás axudas convocadas este ano pola Dirección Xeral de Administración Local para mellorar infraestruturas municipais.
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que se trata dun proxecto presentado conxuntamente polos dous concellos, cun orzamento total de 50.880 euros. Os traballos están en execución.
A actuación inclúe a mellora do pavimento e a limpeza de cunetas para facilitar que circulen as augas de escorrentía. O proxecto tamén prevé a instalación dunha barreira de seguridade a cada lado da ponte que cruza o Rego da Fórnea. En total intervirase nunha lonxitude de 1,17 quilómetros.
Arias explicou que dentro desta mesma orde, neste exercicio tamén se aprobou unha achega de 39.100 euros ao Concello de Barreiros para rehabilitar e adaptar un inmoble como centro social en Vilamartín Pequeno.
Lembrou que esta é unha das principais convocatorias anuais da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes para apoiar a mellor de servizos e infraestruturas nos concellos galegos, xunto co Fondo de Compensación Ambiental, o Fondo de Cooperación Local e as axudas de eficiencia enerxética.