A conselleira de Política Social e Igualdade visitou esta mañá o edificio residencial Francisco Suárez da entidade social Prodeme
Fabiola García condena o ataque ao futuro centro de menores de Monforte e avanza que a Xunta reforzará as medidas de seguridade do inmoble
Anuncia que o Goberno galego “non cederá ás chantaxes” e mantén a súa previsión de abrir neste concello lucense o primeiro centro específico para menores estranxeiros non acompañados
Solicita a colaboración doutras administracións no reforzo da vixilancia policial e na instalación de cámaras na zona para evitar posibles ataques
Insta ao resto de forzas políticas a non polarizar e a non usar este tipo de actos violentos “con fins electorais e para sacar rédito partidista”
Monforte de Lemos (Lugo), 22 de setembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, trasladou esta mañá a súa condena e a de todo o Goberno galego ao ataque violento realizado esta fin de semana contra o edificio residencial Francisco Suárez, da entidade social Prodeme, onde a Xunta ten previsto acoller ao primeiro grupo de menores migrantes non acompañados. Na súa visita ao inmoble para comprobar o alcance dos danos, avanzou que o Executivo autonómico “non cederá ás chantaxes”, polo que non contempla o cambio de localización do futuro centro.
Fabiola García, que insistiu en que este tipo de actos violentos “non teñen cabida en Galicia”, anunciou que a Xunta ampliará as medidas de seguridade do inmoble, unha medida para a que solicitou colaboración ao resto de administracións, co obxectivo de reforzar a vixilancia policial e mediante a instalación de cámaras na zona. Na visita, estivo acompañada polo xerente de Prodeme, Julio Cortiñas, pola vicepresidenta primeira do Parlamento galego, Elena Candia, e polo deputado provincial, Antonio Ameijide.
Na súa intervención, a conselleira destacou, ademais, que “é importante e urxente que esta cuestión deixe de empregarse como arma para polarizar ou sacar rédito partidista”, polo que solicitou “responsabilidade” ao resto de forzas políticas e que non usen este acto violento “con fins electorais”.
Fabiola García fixo fincapé en que a creación deste tipo de centros específicos como o de Monforte de Lemos “é a única alternativa da Xunta ante a imposición do Goberno central” de derivar a Galicia 317 menores, mentres que a outras comunidades como País Vasco e Cataluña non se lle asigna ningún. Este traslado, denunciou, “rompe co sistema integrador e inclusivo de protección de Galicia”, baseado en pequenos recursos residenciais nos que os menores conviven sen ter en conta a súa orixe. A conselleira incidiu en que, tal e como foi advertido en numerosas ocasións ao Goberno central, Galicia non conta a día de hoxe con capacidade para acoller 317 menores, polo que se ve na obriga de crear centros específicos como o de Monforte.