A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, visitou hoxe o centro residencial da entidade en Boiro
A Xunta garante a continuidade do seu apoio a Amicos no seu labor en favor da inclusión das persoas con discapacidade intelectual
O Goberno galego subvencionou con 1,2 millón de euros a ampliación da residencia da entidade e destina máis de 2,2 a financiar 102 prazas de atención
Boiro (A Coruña), 23 de setembro de 2025
A directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón, destacou a ampla experiencia de Amicos en favor da plena inclusión, dando servizo a máis dun cento de familias a través dos seus centros de atención diúrna, residencial e ocupacional. Díxoo durante unha visita á residencia desta entidade no lugar de Comoxo, onde coñeceu os novos proxectos nos que están traballando e que se sumarán a outras iniciativas que xa apoia a Xunta e que contan con recoñecemento nacional e internacional.
Begoña Abeijón sinalou que centros como este fan de Amicos un referente a nivel de coidados e da integración das persoas con discapacidade intelectual na súa contorna e na súa comunidade. Ademais, garantiu a continuidade do apoio da Xunta ao labor que desde hai máis de dúas décadas realiza esta entidade no Barbanza.
Neste sentido, o Goberno galego financia 102 das prazas de atención coas que conta Amicos, cunha achega anual que supera os 2,2 millóns de euros. A esta contía hai que engadir 1,2 millóns de euros investidos na ampliación do centro residencial. Así mesmo, a Xunta colabora coa entidade en proxectos pensados para mellorar o benestar dos seus usuarios e familiares, a través de axudas con cargo ao 0,7 % do IRPF.