Fabiola García denuncia que o Goberno central quere paralizar as homologacións automáticas da discapacidade impulsadas pola Xunta
Tamén lembrou que a Xunta e a Fegamp traballan conxuntamente para negociar unha nova suba na achega autonómica para o Servizo de Axuda no Fogar
Na súa intervención, avanzou que o Executivo autonómico e este organismo elaboran o primeiro protocolo de seguridade para o persoal deste servizo
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, respondeu esta mañá no Parlamento unha interpelación sobre o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que é un dos máis demandados polas persoas dependentes. Por iso mesmo, recalcou que para desenvolvelo con garantías é fundamental que o Goberno central deixe de poñerlle trabas a Galicia na atención a dependencia, como o recurso de inconstitucionalidade presentado esta semana, e que cumpra a lei, achegando o financiamento necesario.
En canto ao recurso aprobado onte polo Consello de Ministros, Fabiola García destacou que a homologación incluída no plan de choque posto en marcha pola Xunta en xaneiro ten beneficiado xa a máis de 9.300 galegos e galegas no que vai de ano. Deste xeito, “quere paralizar unha medida que, semanas despois, o propio Goberno central copiou a Galicia na reforma da lei de dependencia”, engadiu. Así, explicou que mentres que en Galicia se concede automaticamente o 100% da discapacidade ás persoas con grao 3 de dependencia, o Executivo central propón rebaixalo ao 65%.
A conselleira lembrou que “o SAF é de competencia municipal segundo o recollido na Lei de servizos sociais de Galicia”, que foi aprobada no 2008 polo Goberno bipartito. Deste xeito, recoñeceu que as corporacións municipais fan grandes esforzos para ofrecer este servizo que chega a máis de 23.000 galegos. Trátase – explicou- dun servizo que debe ser financiado polo Goberno central, o autonómico e o local; pero que á hora da verdade “o Executivo central só recorta ano a ano a súa achega económica sobrecargando así á Xunta e aos concellos”.
Fabiola García volveu reiterar ao Goberno central que cumpra a Lei da dependencia e achegue o 50% da financiación, algo que sinalou está lonxe de cumprir porque “cada ano vemos como a súa aportación diminúe considerablemente”. Polo que, explicou que mentres no ano 2023 a súa contribución fora do 40%, no ano 2024 reduciuna ata o 34%. Esta situación – dixo- obriga á Xunta e aos concellos a duplicar os seus esforzos, polo que desde o ente autonómico xa se leva tempo negociando coa Fegamp unha nova suba dos prezos da hora do SAF “que se irá aumentando progresivamente ao longo da lexislatura”.
A conselleira tamén avanzou que o Executivo autonómico e a Fegamp traballan conxuntamente para elaborar o primeiro protocolo de seguridade para as traballadoras do SAF. Deste xeito, a Xunta pon a disposición do organismo de representación municipal o Instituto de Seguridade Laboral de Galicia (ISSGA) e os seus técnicos para a redacción deste texto base.
Fabiola García recordou que pese ao incumprimento da Lei por parte do Goberno central, e o trato diferencial con outras comunidades como o País Vasco, “a Xunta segue poñendo por diante a atención dos galegos” e só no último ano incrementou os orzamentos de dependencia un 12% os 600 millóns de euros, dos que 140 millóns de euros están destinados a sufragar o Servizo de Axuda no Fogar.