O delegado territorial da Xunta en Ourense visita a Escola Infantil Antela

Manuel Pardo saudou á nova traballadora, que principiará en outubro as prácticas formativas non remuneradas como persoal técnico especialista en xardín infantil, grazas ao Convenio de Colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Asociación de Persoas con Discapacidade de Ourense

O delegado territorial puxo en valor o traballo que realiza a diario ADO para mellorar a vida dos usuarios dos seus centros e tamén para apoiar ás familias das persoas con discapacidade

O Goberno galego seguirá a traballar man a man para que as persoas máis vulnerables dispoñan dos recursos que necesitan para desenvolver o seu proxecto de vida, sentenciou Manuel Pardo

Ourense, 25 de setembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá a Escola Infantil Antela da cidade de Ourense para saudar á nova traballadora, que principiará  en outubro as prácticas formativas non remuneradas como persoal técnico especialista en xardín infantil, grazas ao Convenio de Colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Asociación de Persoas con Discapacidade de Ourense (ADO).

O obxectivo desta iniciativa céntrase na formación e acompañamento de persoas con discapacidade intelectual, para mellorar as súas competencias e habilidades, co fin de facilitar a súa integración no mercado laboral.

Na súa visita, o delegado territorial puxo en valor o traballo que realiza a diario Ado para mellorar a vida dos usuarios dos seus centros e tamén para apoiar ás familias das persoas con discapacidade. Deste xeito, subliñou os múltiples servicios que achega, desde atención diúrna e ocupacional, a atención terapéutica, orientación aos familiares, así como diferentes actividades de intervención comunitaria.

Manuel Pardo subliñou que o obxectivo da Xunta é seguir apoiando ao tecido asociativo e colaborar para garantir que as persoas máis vulnerables conten cos recursos necesarios para o seu desenvolvemento, e sentenciou que o Goberno autonómico seguirá a traballar man a man para que as persoas máis vulnerables dispoñan dos recursos que necesitan para desenvolver o seu proxecto de vida.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2025