A Xunta destina 102.000 € a mellorar as dotacións de 11 asociacións veciñais do sur da provincia de Lugo

O delegado territorial, Javier Arias, explica que se financiaron obras e equipamentos nos locais sociais para estimular o desenvolvemento de actividades e a participación

Monforte de Lemos (Lugo),  2 de outubro de 2025

A Xunta de Galicia destinou este ano 102.000 euros a 11 colectivos veciñais das comarcas de Chantada, Quiroga e Terra de Lemos, para obras e equipamento dos seus locais sociais.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, visitou hoxe a sede da asociación de veciños Eduardo Pondal, do barrio da Florida en Monforte de Lemos, que incorporou diversas dotacións coa axuda de case 4.000 euros recibida a través do Plan de acción comunitaria que convoca a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.

En concreto, adquiriron un ordenador portátil e unha impresora, para as funcións administrativas, así como un televisor con conexión a internet e 50 cadeiras pregables, para as iniciativas que promove o colectivo.

O programa está dirixido a asociacións veciñais, confederacións, federacións ou unións de asociacións de veciños, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia, e fixa unha contía máxima de axuda de 12.000 euros para obras e de 5.000 euros para equipamentos.

Javier Arias subliñou a contribución do Goberno galego para “poñer a disposición dos veciños e veciñas locais confortables e coas dotacións necesarias para acoller actividades, impulsando así a vida social e cultural de barrios e parroquias”.

Nas comarcas do sur de Lugo obtiveron o importe máximo destinado a obras a asociación de mulleres rurais da parroquia de Furco, en Carballedo, para a mellora da accesibilidade e da eficiencia enerxética; a asociación de veciños San Cristovo de Mouricios, de Chantada, para a rehabilitación da casa escola de Mouricios; e en Taboada as de San Blas de Tuiriz e a asociación cultural e de veciños Castro Celta, para diversas reformas.

As outras entidades beneficiarias foron a asociación veciñal, cultural e medioambiental Os Entaladoiros, de Folgoso do Courel; a asociación de veciños Santo Cristo das parroquias de San Fiz de Cangas e San Xulián de Serode, en Pantón; o colectivo Os Mouros do Castro, na Pobra de Brollón; as asociacións de Xestoso do Lor e Parteme en Quiroga, e a de San Pedro de Canabal en Sober.

O delegado territorial destacou que a última convocatoria de subvencións do Plan específico de acción comunitaria contou este ano cun aumento de 1 millón de euros con respecto ao ano 2024 e acada os 4 millóns, en vista do volume de solicitudes e do éxito das convocatorias en anos previos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2025