Galicia consolida a súa colaboración co sector pesqueiro de Mozambique

Marta Villaverde mantivo un encontro de traballo co embaixador do país africano en España, no marco da celebración de Conxemar

Os dous representantes afondaron na segunda fase do programa de reforzo da capacitación profesional dos traballadores do mar que impulsa a Xunta en Mozambique

Vigo, 6 de outubro de 2025

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, mantivo este luns unha xuntanza de traballo co embaixador de Mozambique en España, Eugénio Agostinho Langa, na que consolidaron a relación existente entre as dúas rexións pesqueiras, e que xorde do destacado apoio que a Xunta vén prestando nos últimos anos ao sector pesqueiro do país africano, pois tanto Galicia como Mozambique teñen na pesca un dos principais piares da súa economía e da seguridade alimentaria das respectivas poboacións. 

Os dous dirixentes analizaron, entre outros asuntos, o memorando asinado no mes de xuño, a través do que o Goberno galego, xunto á Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid); ao Ministerio de Mar, Augas Interiores e Pesca do país africano; ao Grupo Nueva Pescanova, coa súa filial no país Pescamar; e á Asociación Mozambiqueña de Armadores de Pesca Industrial de Camarón (AMAPIC), impulsa no país africano a segunda fase do proxecto co que o Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico (Ipmpa) -centro de referencia nacional de pesca e navegación- realiza actividades de desenvolvemento curricular, material didáctico e formación, co fin de aumentar a capacitación dos profesionais do mar mozambiqueños. Marta Villaverde puxo así en valor o apoio do Goberno galego, pois leva aportando a súa experiencia e excelencia no desenvolvemento desta iniciativa desde 2019.

No encontro a conselleira e o embaixador sentaron as bases para seguir afondando na promoción dun sector pesqueiro máis competitivo e sostible nun país cunha importancia estratéxica para a cadea mar-industria galega vencelladas a especies de especial valor comercial. E é que o comercio co país africano, tanto nacional como galego, baséase na exportación de xurelo conxelado e na importación de lagostino.

A xuntanza tivo lugar no marco da celebración da XXVI Feira de Conxemar que se desenvolve en Vigo ata o xoves, e á que o país africano acode cunha ampla representación do seu sector no eido gobernamental e empresarial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 06/10/2025