A Xunta destina 152.200 euros a 14 asociacións veciñais do concello de Lugo para mellorar os seus locais e adquirir equipamento
O delegado territorial, Javier Arias, visitou o inmoble da agrupación San Lázaro, do barrio da Ponte, para coñecer as reformas efectuadas con cargo á orde de axudas deste ano para colaborar con este tipo de colectivos
Lugo, 7 de outubro de 2025
A Xunta concedeu este ano axudas que suman 152.200 euros a 14 asociacións veciñais do municipio de Lugo para colaborar na mellora das instalacións dos seus locais sociais ou para adquirir equipamento.
O delegado territorial, Javier Arias, participou esta tarde no encontro que organizou o colectivo veciñal San Lázaro, do barrio da Ponte, para dar a coñecer as melloras que veñen de realizar no inmoble da agrupación, e para as que se beneficiaron dunha axuda de 12.000 euros da Administración autonómica. Entre as actuacións executadas no inmoble destacan as obras de mellora da accesibilidade, a reforma do aseo, a instalación de iluminación LED, a renovación das carpinterías exteriores ou o illamento da cuberta.
Segundo destacou Arias, estas intervencións favorecerán a realización de actividades organizadas polo colectivo, que conta con preto de 500 socios. O local alberga unha programación variada, como clases de baile ou ximnasia; así como xornadas audiovisuais ou gastronómicas, entre outras.
O delegado subliñou a contribución do Goberno galego para “poñer a disposición dos veciños e veciñas locais confortables e coas dotacións necesarias para acoller actividades, impulsando así a vida social e cultural de barrios e parroquias”.
Estas achegas enmárcanse no Plan de acción comunitaria que convoca a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. As axudas concedéronse para executar obras ou adquirir material necesario para o funcionamento das agrupacións, e nalgúns casos para ambas accións.
No municipio de Lugo tamén resultaron beneficiarias destas achegas a asociación de mulleres rurais da Agra e as agrupacións veciñais de San Pedro de Labio; San Xoán de Tirimol; Gondar; Illán; Peizal-Outeiro; Ombreiro Río Miño; San Vicente do Burgo; Adai; Orbazai; barrio de San Antonio de Padua; Benade-Calbrava e Os Gatos Roxos, do barrio das Gándaras.