A Xunta entrega equipamento de emerxencias para as actuacións do grupo especial de localización e rescate da ONG IAE
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixo entrega de un kit de material específico de rescate en altura para apoiar o traballo que realizan estes voluntarios
A Estrada (Pontevedra), 8 de outubro de 2025
O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o director da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araujo, fixeron entrega hoxe no hangar do Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) da Axega de diverso material destinado ao Grupo Especial de Localización e Rescate (GELR) da ONG Intervencións, Axuda e Emerxencias (IAE) de Galicia para as súas actuacións.
A este equipo de voluntarios cédeselles en propiedade un kit de material específico de rescate en altura con, entre outros elementos, padiola de rescate, bobina, saco autoportante, mochila para barrancos, portamaterial de cinta, aneis de cinta, mosquetóns, bloqueadores, arneses, descensores autofrenantes, poleas, cabos de anclaxe e placa multianclaxe ou anticaídas deslizante.
O GELR da ONG Intervencións, Axuda e Emerxencias é un equipo de voluntarios especializados no rescate e busca de persoas. Constituída por rescatadores, sanitarios, cans adestrados e outros voluntarios especializados no rescate e busca, tivo destacadas intervencións en grandes catástrofes como a do terremoto de Turquía no ano 2023, pero tamén colabora na busca de persoas a nivel nacional.
Mediante un convenio de colaboración, a delegación do GELR de IAE forma parte dos medios mobilizables da Xunta de Galicia ante situacións de emerxencia, integrándose nos diferentes equipos de intervención, ademais de colaborar co persoal técnico da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para planificar e desenvolver dispositivos de risco previsible derivados dalgún dos plans de Protección Civil e cursos e actividades de prevención e sensibilización.
De feito, o GELR de IAE de Galicia foi un dos medios desprazados dentro do continxente galego que colaborou durante a DINA de Valencia, motivo polo que este grupo de voluntarios foi condecorado coa medalla ao mérito de protección civil de Galicia co resto de efectivos participantes.