Belén do Campo evalúa na comisión territorial de coordinación as principais actuacións desenvolvidas na provincia da Coruña ao longo do ano co apoio da Xunta

A delegada da Xunta analizou o estado das distintas convocatorias de axudas actualmente abertas e o seu grao de execución, que na maioría dos casos presenta cifras moi satisfactorias

 

A Coruña, 8 de outubro de 2025

A delegada da Xunta, Belén do Campo, presidiu hoxe unha nova reunión da Comisión Territorial de Coordinación, un órgano de traballo que reúne periodicamente aos directores territoriais das distintas consellerías. No encontro fixeron balance das principais actuacións desenvolvidas ao longo do ano que contan co apoio do Goberno galego na provincia da Coruña.

Durante a sesión, a delegada destacou que este ano estivo marcados por un alto nivel de execución dos proxectos impulsados pola Xunta en distintos ámbitos, desde as infraestruturas e os servizos sociais ata o emprego, a educación ou o apoio ao tecido produtivo.

Neste senso, abordaron o éxito dalgunha das novidades postas en marcha pola Xunta, no 2025  como unha orde específica destinada a axudas para asociacións de polígonos industrias, con subvencións que financian a mellora da seguridade e a competitividade dos polígonos, incluída a obtención de selos ou certificacións de calidade que acrediten que a área cumpre con determinadas características diferenciais. Esta axuda contou cunha dotación dun millón de euros dos cales 500.000 foron para 7 polígonos da provincia.

Outra das campañas pioneiras foi a posta en marcha do Bono Peixe para promover o consumo de peixe e marisco fresco, con descontos para os consumidores que está tendo unha gran acollida e que está a piques de rematar.

Outra das novidades foi que se publicou por primeira vez unha orde única que agrupa as axudas específicas para persoas traballadoras autónomas con máis 40,7 millóns de euros. Deste xeito, os programas de achegas que se incluiron nesta convocatoria única foron desde o inicio da actividade –como o programa de promoción do emprego autónomo e da cota cero— aos de consolidación e mantemento da actividade –Bono Autónomo e Bono Remuda—. Tamén incorporou os apoios á conciliación e o Bono Nova Oportunidade.

Así mesmo, os membros da comisión analizaron o estado actual das diferentes ordes de axudas postas en marcha pola Xunta e o seu grao de execución, que na maioría dos casos presenta cifras moi satisfactorias. A delegada subliñou que estes datos poñen de manifesto “a boa acollida e o interese que estas liñas de apoio están a xerar entre os concellos, as entidades e os cidadáns”.

Durante a reunión tamén se fixo balance das actuacións realizadas cos incendios forestais este verán na provincia. A delegada destacou o bo funcionamento das oficinas habilitadas para a xestión das axudas ás persoas afectadas, que están permitindo tramitar de maneira áxil as solicitudes e acompañar aos veciños na recuperación dos danos sufridos.

Outro dos puntos abordados foi o análise da xestión dos expedientes de Dependencia e Discapacidade nos últimos seis meses, tras a posta en marcha do proceso de axilización administrativa. Belén do Campo salientou que se reduciron significativamente os tempos de tramitación e mellorouse a atención ás persoas usuarias.

A comisión tamén avaliou o inicio do curso escolar 2025-2026, que transcorreu con normalidade e cun alto grao de execución das melloras previstas nos centros educativos. A delegada destacou o esforzo da Xunta por garantir unha educación de calidade, segura e inclusiva. Asimesmo, presentouse o programa piloto de vacinación escolar fronte á covid-19, á gripe que busca chegar a 19.000 nenos. Trátase dunha iniciativa conxunta das consellerías de Sanidade e Educación, Ciencia, Universidade e FP que ten o obxectivo de seguir consolidando a posición dianteira que ten Galicia en materia de prevención ao contar co calendario de vacinación máis completo do mundo.

Finalmente, analizouse a campaña de verán de campamentos e programas xuvenís, que contou cunha participación moi elevada e unha valoración moi positiva por parte das familias e dos concellos. Máis de 11.000 mozas e mozos da provincia da Coruña participaron en actividades de lecer educativo, voluntariado e convivencia.

A delegada destacou que todas estas iniciativas “reflicten o compromiso da Xunta de Galicia co desenvolvemento equilibrado do territorio e coa mellora do benestar da cidadanía”, e agradeceu a colaboración dos concellos, das entidades locais e das distintas consellerías implicadas na execución dos proxectos.

Finalmente, sinalou que o balance deste ano é moi positivo, e avanzou que a Xunta continuará traballando nesta liña de coordinación e cooperación institucional para seguir impulsando actuacións que xeren oportunidades, emprego e crecemento na provincia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/10/2025