A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse hoxe co alcalde da cidade

A Xunta axilizará as tramitacións ambientais dos proxectos necesarios para garantir os servizos de augas das vivendas previstas na cidade de Pontevedra e do parque empresarial do Campiño

Ángeles Vázquez indica que se programarán de xeito inmediato reunións técnicas bilaterais para avanzar no estudo das propostas que garantan que se cubran as futuras necesidades de saneamento e abastecemento da cidade

Tamén se analizarán situacións puntuais que teñen a súa orixe noutros concellos e que ocasionan problemas de infiltracións importantes desde o punto de vista medioambiental na rede municipal de cara a propoñer posibles solucións

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático subliña que para garantir o abastecemento na contorna a solución é constituír unha Mancomunidade xa que o consumo actual duplica o volume que ten por concesión

Santiago de Compostela, 8 de outubro de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que a Xunta de Galicia axilizará as tramitacións ambientais dos proxectos necesarios para garantir os servizos de augas das novas vivendas previstas na cidade de Pontevedra, así como da ampliación do parque empresarial do Campiño.

Durante unha reunión que mantivo este mediodía co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a conselleira comprometeuse a que se programarán de xeito inmediato reunións técnicas bilaterais para avanzar no estudo das propostas que garantan que se cubran as futuras necesidades de saneamento e abastecemento da cidade.

A maiores, nese marco de colaboración, tamén se analizarán situacións puntuais que teñen a súa orixe noutros concellos da comarca e que ocasionan problemas de infiltracións importantes desde o punto de vista medioambiental na rede municipal de Pontevedra co obxectivo de propoñer posibles solucións.

Tamén se avaliará a situación actual da contorna do Marco, no río Pintos, que na actualidade sofre problemas de infiltracións.

Por último, en canto ao abastecemento, Ángeles Vázquez insistiu en que para garantir a subministración a solución é constituír unha Mancomunidade xa que o consumo actual duplica o volume que ten por concesión, que data do ano 1965.

Por iso, cómpre que o Concello corrixa esta situación e, tal e como establece a lei estatal de augas, a única opción posible é a creación dunha entidade supramunicipal que asuma a xestión do abastecemento xa que na actualidade estase captando auga tanto para a cidade de Pontevedra como para outros municipios limítrofes. Ademais, unha mancomunidade ou consorcio permitiría dispoñer de infraestruturas comúns que garantan unha xestión eficiente e, a maiores, aumenta a posibilidade de acceder a máis financiamento europeo para ter un servizo de calidade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 08/10/2025