A Xunta aposta por afondar nas relacións de Galicia cos países lusófonos

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, participou esta mañá na conferencia Sociedade civil, lingua e relacións internacionais, onde puxo en valor a recente posta en marcha do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade para contribuír a este obxectivo

Santiago de Compostela, 9 de outubro

O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo Aller, participou esta mañá na inauguración da conferencia Sociedade civil, lingua e relacións internacionais, no marco dun evento organizado pola Academia Galega da Lingua Portuguesa e a Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP), que contou co apoio da Xunta.

O director xeral destacou a transcendencia de optimizar a colaboración entre Galicia e o conxunto dos países de lingua oficial portuguesa, aproveitando as vantaxes do estreito parentesco lingüístico que se dá entre ambas as linguas. A lusofonía constitúe un espazo enorme de desenvolvemento, que abrangue unha poboación de máis de 260 millóns de persoas.

Nese marco, Jesús Gamallo explicou como a Xunta está a traballar para aproveitar a relación privilexiada de Galicia co Norte de Portugal, que culminou coa creación duna Comunidade de Traballo en 1991 e a posta en marcha dunha Agrupación Europea de Cooperación Territorial en 2010 para, coa Estratexia de Acción Exterior e a Lei de Acción Exterior de 2021, estender esta relación a todo o conxunto de Portugal, e desde alí a toda a lusofonía, rematando coa entrada de España na CPLP en 2021, a impulso precisamente de Galicia.

Coa recente posta en marcha do Observatorio da Lusofonía Valentín Paz Andrade deuse un novo paso para sistematizar e sumar perspectivas solventes. Neste novo órgano figuran representadas tanto as institucións galegas con intereses neste ámbito, como o Ministerio español de Asuntos Exteriores e outras institucións pertencentes ao espazo lusófono, que poden aportar o seu coñecemento e capacidades para fomentar as interrelacións de Galicia coa lusofonía. Estas interrelacións non se esgotan no eido lingüístico, senón que abranguen moitos mais sectores, culturais, sociais ou económicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/10/2025