Galicia contribúe á transición dixital de Xordania co seu modelo de gobernanza e lexislación en intelixencia artificial

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia participa nun proxecto de cooperación europeo para facilitar a evolución dixital da Administración xordana, reforzando a protección de datos e a implantación da intelixencia artificial

O director da Axencia participou esta semana en Amán nas segundas sesións técnicas desta iniciativa, impulsada por Grecia, España e Alemaña

Amán (Xordania), 9 de outubro de 2025

A Xunta, a través da Axencia para Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), participa nun proxecto de cooperación da Unión Europea para facilitar a transición dixital de Xordania a través do fortalecemento do seu marco institucional e normativo en materia de protección de datos persoais e intelixencia artificial (IA).

A participación española nesta iniciativa é liderada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e conta coa participación de Red.es, do Ministerio de Transformación Dixital e Función Pública, da Axencia Dixital de Andalucía; e as Universidades de Santiago de Compostela e Valencia, en colaboración con Alemaña e Grecia.

O director da Axencia autonómica galega, Julián Cerviño, participou, desde o pasado luns e ata hoxe, na segunda misión técnica da iniciativa, celebrada en Amán. A achega de Galicia ao proxecto céntrase no deseño dunha estrutura organizativa da Dirección de Intelixencia Artificial do Goberno xordano e na elaboración dun manual de procedementos para garantir a implementación ética, segura e eficiente de proxectos baseados en IA.

A contribución galega a esa misión de cooperación baséase na experiencia da Administración autonómica en materia de transformación dixital, iniciada coas primeiras Axendas Dixitais de Galicia (2010–2014 e 2015–2020) e consolidada coa actual Estratexia Galicia Dixital 2030. Ademais, Galicia foi a primeira rexión europea en aprobar unha lei específica para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial na Administración, que establece un modelo de gobernanza centrado na supervisión dos riscos, na protección dos dereitos fundamentais e centrada nas persoas.

Este proxecto, que se enmarca no programa NDICI–Global Europe, o principal instrumento da Unión Europea para a cooperación internacional e o desenvolvemento, conta cun orzamento de 1,6 millóns de euros e unha duración de 24 meses.

Os obxectivos principais son mellorar o marco legal e institucional de Xordania en materia de protección de datos e intelixencia artificial, mediante novas normas aliñadas cos estándares europeos; establecer procedementos operativos eficaces; proporcionar formación especializada para os equipos locais e realizar accións de sensibilización que promovan o uso ético da IA e o respecto polos dereitos fundamentais.

Data de actualización: 09/10/2025