A Xunta insta ao concello de Santiago a solucionar canto antes os problemas na estación depuradora da Silvouta que están a causar vertidos ao río Sar

Técnicos de Augas de Galicia atribúen a orixe das incidencias detectadas no dominio público nos últimos días aos traballos de posta en marcha da EDAR compostelá

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2025

A Xunta, a través do organismo hidráulico Augas de Galicia, solicita ao Concello de Santiago que resolva o antes posible os problemas detectados na estación depuradora de augas residuais (EDAR) da Silvouta, infraestrutura da que é propietario e que desde o pasado domingo está a provocar vertidos ao río Sar que afectan aos concellos de Ames, Brión e Rois.

Técnicos do Programa de control de vertidos (PCV) de Augas de Galicia desprazáronse de inmediato á zona logo de recibir varios avisos relacionados cun suposto vertido ao Sar. Durante a súa primeira inspección, comprobaron que a orixe do foco estaba na EDAR da Silvouta, infraestrutura que, tal e como lles trasladou a empresa encargada da súa xestión, desde a semana pasada está en período de posta en marcha, pero sen contar aínda co tratamento necesario para que poida operar con normalidade.

Esta circunstancia explicaría a afección detectada ao dominio público hidráulico e tamén sería a razón pola que o efluente da depuradora amosa un aspecto moi turbio, marrón e con cheiro a augas fecais, segundo constatou o persoal do PCV.

Logo de recibir un novo aviso onte, luns, e tras comprobar in situ que a situación non cambiara, Augas de Galicia volveu dirixirse ao persoal responsable da xestión da EDAR para insistir na importancia de levar a cabo actuacións de mellora no tratamento das augas residuais que recibe e decidiu enviar hoxe tamén unha comunicación escrita ao Concello de Santiago para pedirlle que solucione este problema o antes posible.

Mentres tanto, o organismo público hidráulico levará a cabo un seguimento telefónico diario para comprobar a evolución do tratamento da EDAR compostelá, programando inspeccións cada vez que se indique un cambio no mesmo ou na afección ao río Sar, tomando as mostras pertinentes para obter resultados analíticos e procedendo a dar traslado á Área de Vertidos aos efectos administrativos oportunos.

Data de actualización: 14/10/2025