A Xunta acusa ao Goberno central de atrasar a aplicación de medidas beneficiosas para Galicia en dependencia e enerxía

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes abordou no Parlamento as consecuencias dos recursos de inconstitucionalidade presentados contra iniciativas pioneiras do Goberno galego nestas materias

En dependencia vétase un plan de choque que xa logrou que se lle recoñecese o grao de discapacidade sen ter facer trámites a máis de 10.200 persoas dependentes

No sector eólico impídese reducir o impacto dos aeroxeneradores no territorio e aumentar a enerxía renovable

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acusou o Goberno central de atrasar a aplicación de medidas beneficiosas para a cidadanía galega ao presentar recursos de inconstitucionalidade contra iniciativas pioneiras na xestión da dependencia e da enerxía eólica. Para o conselleiro, trátase dun novo “boicot a Galicia”, no marco dunha estratexia estatal que só busca “enfrontar para dividir, discriminar e castigar”.

Así, no eido da dependencia, o Executivo estatal intenta vetar un plan de choque que xa logrou axilizar as valoracións e que se lle recoñecese o grao de discapacidade sen ter que facer trámites a máis de 10.200 persoas dependentes. Por iso, considera “sorprendente” esta decisión cando o Goberno central calcou esta medida pioneira na súa modificación da Lei de Dependencia, pese a que o fixo de maneira “menos ambiciosa” ao outorgarlles ás persoas dependentes de grao 3 o 65% da discapacidade, mentres que en Galicia se lles recoñece o 100%. Nesta liña, cómpre aclarar que o recurso presentado polo Goberno de Sánchez provocará a paralización e retraso na percepción de axudas, xa que obriga aos solicitantes a pasar unha segunda valoración.

No que se refire ao sector eólico, sinalou que agardar o pronunciamento do Tribunal Constitucional suporá a suspensión inmediata da repotenciación dos parques e unha nova paralización dun sector “no que fomos punteiros” e que se suma á parálise dos últimos anos. Segundo indicou, isto impedirá reducir o impacto dos aeroxeneradores no territorio e no medio ambiente. Desta maneira, limítanse as opcións de abaratar a factura da luz aos galegos e impulsar o interese das empresas para instalarse en Galicia ou ampliar as súas industrias. Polo tanto, como indicou o conselleiro, “os que non entenden este boicot son os galegos e galegas”, aos que “se lles impide beneficiarse destas medidas”.

Diego Calvo sumou esta actuación á lista de agravios do Goberno central a Galicia, como fixo coa Lei de litoral, contra a que tamén presentou un recurso de inconstitucionalidade e no que o Tribunal Constitucional lle deu a razón á comunidade galega. Nesta liña, referiuse tamén aos numerosos agravios en materia de mobilidade, de infraestruturas ou de financiamento ou as continuas prorrogas sobre o debate da transferencia da AP-9 no Congreso.

Valoración da situación en Palestina

Na sesión parlamentaria de hoxe, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes respondeu unha pregunta sobre a situación en Palestina, incidindo no rexeitamento ao conflito e na condena tanto da traxedia que se vive en Gaza como dos ataques do grupo terrorista Hamás. Diego Calvo criticou a actitude da oposición con este tema, ao tempo que amosou o apoio da Xunta á resolución do conflito.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/10/2025