A conselleira de Política Social e Igualdade abordou hoxe esta cuestión no Pleno do Parlamento de Galicia
Fabiola García denuncia a tardanza do Goberno central en aprobar axudas para as persoas con ELA
Recorda que en Galicia xa está implantada unha vía preferente e automática de atención, e que se levan dando axudas específicas desde hai tres anos
Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2025
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, lamentou hoxe a tardanza do Goberno central en dar luz verde ás axudas para as persoas con ELA. Fíxoo no Pleno do Parlamento de Galicia, onde abordou esta cuestión.
Fabiola García preguntouse canto tempo máis terán que agardar estas persoas e a súas familias polas axudas que lle corresponden. Tamén se cuestionou se os fondos anunciados onte polo Goberno central non será como a “partida pantasma” de 10 millóns de euros que se aprobou o pasado verán e da que nunca máis se soubo.
Así mesmo, a titular de Política Social e Igualdade pediu explicacións ao Goberno central sobre como será o reparto dos fondos e puxo en dúbida se estas axudas chegarán a todos por igual. Neste sentido, puxo como exemplo o que está a acontecer co financiamento da dependencia, que en Galicia se reduce cada ano mentres que acorda co País Vasco sufragar o 50% dos custes dos servizos, xerando dependentes de primeira e de segunda.
Fabiola García criticou que o Executivo de Pedro Sánchez tardara un ano en concretar a creación do grado III plus ás persoas con ELA, cando en Galicia estas xa teñen desde hai anos unha vía preferente de atención e, desde a entrada en vigor do plan de choque, xa se lles concede o grao máximo de dependencia automaticamente, sen necesidade de valoración.
Ademais, Fabiola García lembrou que na nosa comunidade as persoas afectadas e as súas familias levan tres anos recibindo axudas específicas de 12.000 euros anuais, polas cales non terán que tributar fiscalmente.